O vindeiro sábado, 18 de xaneiro, a escritora Luz Pozo Garza será nomeada filla predilecta de Ribadeo nun acto que se desenvolverán no Concello ás 12 do mediodía. A concelleira de Cultura, Pilar Otero, fai unha chamada á sociedade ribadense para que acuda a esta homenaxe.
A edil declarou que “o vindeiro sábado, 18 de xaneiro, é festa en Ribadeo. É festa porque se nomea filla predilecta a Luz Pozo Garza, cume na literatura galega contemporánea”.
Pilar Otero contou que “o acto terá lugar ás 12.00 no salón de plenos da Casa do Concello de Ribadeo e contará coa presenza da escritora, quen estará acompañada por familiares e persoas amigas”.
A concelleira de Cultura anima “a toda a sociedade ribadense a celebrar e homenaxear a unha das voces máis destacadas da nosa poesía”.
Luz Pozo Garca naceu en Ribadeo en 1922. Os seus primeiros traballos foron publicados en Las Riberas del Eo, La Noche, Poesía Española, Ínsula ou Vida Gallega. E Dionisio Gamallo Fierros, en palabras da autora, foi o seu mentor. Viviu en Lugo, Marrocos, Viveiro e Vigo. Na cidade olívica desenvolveu unha longa traxectoria de docente de lingua e literatura españolas no ensino secundario. Codirixiu a revista Nordés e promoveu tamén a creación de Clave Orión.
A escritora ribadense é membro da Real Academia Galega desde 1996. Publicou, entre outras, obras poéticas como Ribadeo, Ribadeo; As arpas de Iwerddon; Deter o día cunha flor ou Rosa tántrica. Pozo Garza tamén cultivou o ensaio en obras como Diálogos con Rosalía, Ondas do mar de Vigo: erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo ou Tres poetas medievais da ría de Vigo.
Ao longo destes anos recibiu premios como o Miguel González Garcés en 1992, Celanova Casa dos Poetas no 2001, o da Crítica da Poesía Galega no 2009, o Cultura Galega das Letras no 2013, o Laxeiro en 2014 ou o Trasalba en 2019.
No ano 2001 foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o Concello de Ribadeo dedicoulle unha rúa.
No informe presentado pola Concellaría de Cultura para propoñer o seu nomeamento como filla predilecta de Ribadeo destácase “a súa incuestionable calidade literaria e a unión sentimental que sempre expresou polo seu concello de nacemento, que menta ademais como un dos motores da súa produción poética”.