Éxito da convocatoria de Eroski Viaxes, de Burela e Ribadeo, para presentar a súa oferta para este ano. Máis dun centenar de persoas se deron cita o pasado sábado no hotel Voar para coñecer de preto algunhas das viaxes estrela deste 2019.
Pedro Fraga, xerente de Eroski Viaxes, de Burela e Ribadeo, foi o encargado de conducir o acto, no que interviron Pilar Cabana, de Costa Cruceros; Santiago Vázquez, de Politours; e Borja García, de Mapa Tours.
Unha das primeiras saídas en grupo a un destino estrela será o vindeiro 18 de abril, na Semana Santa, a Dubrovnik, para a que aínda quedan algunhas prazas libres. Sairá un voo directo desde Asturias. As persoas interesadas o único que teñen que facer é poñerse en contacto coas delegacións de Eroski Viaxes en Ribadeo ou en Burela.
En outubro Eroski Viaxes participará na inauguración dun novo barco de Costa Cruceros, o Costa Smeralda, facendo un cruceiro con visitas a cidades como Hamburgo, Rotterdam, Lisboa e Barcelona. Esta saída está prevista para o 21 de outubro e inclúe nove noites a bordo do Costa Smeralda.
E xa o 31 de outubro, con saída directa de Santiago de Compostela, terá lugar unha viaxe a Exipto, que inclúe visitas aos principais atractivos dese país en embarcación e tamén noutros medios de transporte. Xa son varias as reservas efectuadas en Eroski Viaxes para gozar desta proposta viaxeira.
Tras a exposición destas saídas tivo lugar un sorteo de agasallos entre os asistentes: dúas fins de semana de aloxamento en hotel nun destino a elixir entre varias propostas; un vale de 60 euros para gastar en Eroski Viaxes; así como diversos obxectos xentileza de Politours. E a continuación foron servidos viños e pinchos.
Os asistentes tamén puideron gozar da máquina de viaxar de IG10, facendo fotos “como se estivesen nalgúns dos destinos promocionados”.
Pedro Fraga, de Eroski Viaxes, agradeceu a asistencia das máis de 100 persoas que se deron cita o pasado sábado en Ribadeo chegadas desde Burela, desde Foz, desde Ribadeo e desde outros puntos da Mariña.