Elefante Elegante Teatro presenta en Burela o espectáculo Kyoki o 26 de outubro

A compañía teatral Elefante Elegante presentará o seu espectáculo Kyoki, para público infantil e familiar, en Burela o día 26 de outubro, sábado. Será na Casa da Cultura ás 18:00 horas. O prezo da entrada é de 3 euros.

Está incluído na programación cultural do Concello de Burela, que explica que “Kyoki é un espectáculo sen palabras destinado ao público infantil e familiar que aborda a temática do esquecemento, da vellez e da soidade. Kyoki significa demencia” en xaponés e refírese a unha alteración da capacidade para recordar, pensar ou tomar decisións. É certo que adoita aparecer en persoas de idade avanzada, mais… Quen nunca esqueceu onde colocou a caixa das galletas? Ou por distracción vestiu o xersei do revés? KYOKI é unha ollada cómplice, reflexiva e sensible ás experiencias que viven tanto as persoas que precisan ser coidadas como as propias coidadoras. A familia, as institucións médicas e as institucións sociais están presentes nos tres personaxes interpretados pola actriz protagonista: a avoa, a súa filla e a doutora. A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, o espectáculo crea un universo cómico e poético que viaxa do realismo á hipérbole da vida cotiá. O xogo teatral baséase no traballo plástico da corporalidade da intérprete e nunha rigurosa sintonía dos xestos coa música instrumental orixinal, definindo unha secuencia dramatúrxica na que a imaxe toma un total protagonismo. A posta en escena fundaméntase deste modo na dinámica pictórica da organización do espazo teatral e na narrativa das propias accións físicas que reflexan desexos, sentimentos e tódolos estados dramáticos definidos”.