O Concello de Viveiro celebrará do 3 ao 6 de agosto a 3ª Feira da Cervexa Artesá de Viveiro nos Xardíns de Noriega Varela. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e Lara Fernández Fernández-Noriega, presentaron a iniciativa xunto a representantes da organización, a cargo de La Ruta del Lúpulo. A cita incluirá obradoiros, concertos, xogos populares, así como catas e foodtrucks.
“Este evento diversifica a oferta cultural e gastronómica da nosa vila, especialmente na tempada de verán, engadindo un novo atractivo turístico para as persoas que nos visitan”, sinala a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
Na cita, poderán probarse ata 60 tipos de cervexas artesás, ademais da cervexa local “Xistral”, que colabora na organización do evento.
Á experiencia gastronómica, súmase unha importante oferta cultural na cita. Contarase co DJ Francis, ademais dos concertos de Los Pontiaks, Blackjack e Plan de Fuga, ademais de obradoiros infantís, entre outras actividades.
"Retomamos un evento cuxas edicións prepandémicas foran multitudinarias. Ampliamos así o tipo de eventos que se celebran na nosa vila, situándoa como referencia na Mariña”, conclúe Lara Fernández Fernández-Noriega.