A Concellería de Deportes abrirá o vindeiro luns, 27 de setembro, o prazo para participar nas escolas deportivas de inverno que se desenvolverán do 4 de outubro ao 27 de maio. As modalidades que se ofertan son: patinaxe lúdico, rutas en bici e tenis. O prezo de cada actividade será de 6 euros ao mes.
O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, contou que “vimos de presentar o que van ser as escolas deportivas municipais de inverno do curso 2021/2022 do Concello de Burela. Ábrese o prazo para presentar a documentación o próximo luns, día 27. Ata o día 30 estaremos recollendo toda a documentación. O formulario para cubrir vai estar dispoñible na páxina web do Concello, en redes sociais, así como tamén haberá unhas copias no propio Concello para quen queira facelo en papel. A inscrición vaise facer na Casa da Xuventude, de oito da mañá a dúas da tarde. Alí é onde vai haber que levar a documentación”.
O edil burelés explicou que “é unha actividade para nenos nados entre 2010 e 2017, o custo é de 6 euros mensuais por cada actividade e o curso vai empezar o 4 de outubro e rematará o 27 de maio. A partir do 2 de outubro faremos pública a lista de admitidos, temos limitacións derivadas da pandemia e haberá que firmar un documento coas medidas básicas para poder realizar as actividades. As escolas van ser impartidas polo técnico de deportes, Iván Cao Lucas”.
Fernández Rey dixo que “este ano imos ter os luns, de tres e media a cinco e media, patinaxe lúdico no pavillón dos Castros; os mércores e os xoves imos ter rutas en bicicleta, unha actividade que funcionou moi ben tanto no inverno como no verán, que serán de tres e media a cinco; e os martes, de tres e media a catro e media, haberá tenis no pavillón dos Castros. Estas actividades veñen complementar as que ofertan os clubs coas súas escolas deportivas tanto de fútbol sala como baloncesto, fútbol campo, etc… Os clubs xa teñen o seu funcionamento coas súas categorías inferiores e nosoutros queremos complementar con outras actividades todo iso que xa temos”.
O concelleiro de Deportes en Burela anima “a participar á xente nestas escolas deportivas que teñen bastante boa acollida e imos intentar que todo o mundo que queira practicar deporte en Burela poida facelo, non só os deportes de toda a vida senón tamén algunha actividade a maiores”.
As escolas deportivas municipais de inverno foron presentadas por Ramiro Fernández, polo alcalde, Alfredo Llano, e polo técnico municipal de Deportes, Iván Cao Lucas.