Do 22 ao 24 de xullo terá lugar en Ribadeo a XIII Concentración de Kaiaks Praia das Catedrais, que organiza o Club de Piragüismo Altruán. A concentración foi presentada esta mañá no Concello. No acto participaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, o secretario do Club Altruán, José Ángel Fernández, e o técnico municipal de Deportes, Iván López.
Fernández indicou que “é a concentración anual que suspendemos a súa celebración durante uns anos, pero tendo en conta a efeméride deste 2022 que non é outra que os corenta anos do Club de Piragüismo Altruán de Ribadeo pois qué menos que volver a celebrala. Foi no seu momento unha cita de referencia no Cantábrico e a día de hoxe é a cita de referencia, basicamente porque é un formato de concentración de piragüismo por así dicilo non competitivo e lúdico, moi especifico porque se trata de kaiak de mar de navegación oceánica, que ten moi poucas convocatorias de calendario hoxe en día”.
No evento daranse cita 33 participantes procedentes de Cantabria ou de Cataluña, entre outras comunidades, ademais dun alemán e dunha xaponesa. O secretario do Club de Piragüismo Altruán explicou que “o evento consiste basicamente nunha concentración de afeccionados ao kaiak do mar, esta subdisciplina do piragüismo, que nos vamos xuntar aquí durante dous días na vila de Ribadeo e trátase de que disfruten do litoral e dos atractivos que ten a nosa ría. Pechamos xa inscrición e temos confirmados 33 palistas de fora do Altruán, e do Altruán iran unha ducia deles. Temos un alemán, unha xaponesa, aínda que sexa residente en España, temos moitos cántabros, unha expedición de cataláns de Girona e de Barcelona, temos vascos... moi variopinto todo isto do kaiak de mar. É do 22 ao 24, mañá é a recepción de asistentes e as actividades serán tanto sábado como domingo.”
O Concello de Ribadeo apoia o evento e deséxalles unha boa fin de semana, tal e como sinalou o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz: “desde o Concello queremos apoiar de novo esta concentración de kaiaks que por decimo terceira vez se realiza aquí na Praia das Catedrais, apoiar como non ao Club Altruán como vimos facendo sempre, tanto nesta actividade como nas escolas deportivas e o resto do ano, con toda esta funcionalidade que fai cos deportistas que está a sacar, con todo este empuxe. Esperemos que esta fin de semana sexa lúdico festiva, que participen, que vaia todo ben e desexarlles o mellor”.