Do 2 de novembro ao 1 de decembro terá lugar a sétima edición do Mes da Maxia que organiza a Mancomunidade de Municipios da Mariña.

A Mancomunidade de Municipios da Mariña organiza a sétima edición do Mes da Maxia que se celebrará do 2 de novembro ao 1 de decembro. O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, subliña que “o obxectivo é mover á xente nun mes que tradicionalmente non é moi turístico nesta zona”.

Llano anunciou que “imos facer unha presentación oficial, como máis tarde o día 30 de outubro, do Mes da Maxia. Imos tratar de que estean todos os magos aquí para facer este acto e xa diremos onde”.

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña salientou que “o obxectivo é motivar á xente a saír ese mes de novembro polos diferentes establecementos hostaleiros onde vai haber actuacións máxicas. Os magos van tratar de levar da mellor maneira posible unha cea extraordinaria cunha actuación artística que sempre tivo moi bo resultado”.

Alfredo Llano considera que “é unha maneira de mover á xente na Mariña nun mes que tradicionalmente non é moi turístico, pero que estamos tratando de darlle un impulso que motive e faga que moita xente descubra a nosa comarca desta maneira tan fabulosa”.

Nesta sétima edición do Mes da Maxia participarán os Magos Jorge, Paredes, Rafa, Kiko, Teto e Pi. 

Os locais que acollerán as súas actuacións son: O Noso Lar, O Asador, Vila do Val, Casa Damián, Buenavista, A Marquesa, Casa do Fidalgo, A Garita, Casa Franco, Mis en Plas, Rincón do Mis, O Cabazo, A Yenka, Texturas Galegas, A Penela, Area Grande, O Almacén, As Sirenas e Parador de Turismo de Ribadeo.

Na páxina web www.mesdamaxia.com atópanse o listado cos restaurantes participantes así coma os menús que se poderán degustar en cada un deles e os números de teléfono para facer as reservas. Os prezos dos menús máxicos, que inclúen as ceas e os espectáculos de maxia, oscilan entre os 25 e os 30 euros.