Do 19 de decembro ao 5 de xaneiro estará aberto en Ribadeo o Mercadiño de Nadal na contorna da praza de abastos. Ademais haberá teatro, música e maxia.

A Área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo organiza o Mercadiño de Nadal que dará comezo mañá, 19 de decembro, na contorna da praza de abastos. Conta con 14 postos nos que se poderán atopar produtos de alimentación, artesanía, decoración de Nadal ou cerámica, entre outros. Estará aberto ata o 5 de xaneiro e haberá un amplo programa de actuacións musicais, teatrais e de maxia durante estas datas.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, contou que “o Concello de Ribadeo, a través da Área de Economía, Desenvolvemento Local e Turismo, desenvolverá este ano por primeira vez o Mercadiño do Nadal facéndoo cadrar coas datas propias desta época. Nesta ocasión, e dadas as circunstancias sanitarias, optamos por celebrar un Mercadiño do Nadal máis reducido, aínda que máis estendido no tempo, dende o 19 de decembro ata o 5 de xaneiro, no que 14 expositores, artesáns, creadoras e produtoras tanto de Ribadeo como da zona, na súa maioría, nos mostrarán o seu traballo na contorna da praza de abastos, espazo comercial por excelencia da vila”.

Vizoso Galdo dixo que “con esta nova ubicación pretendemos potenciar e dinamizar a zona comercial do centro de Ribadeo, e en definitiva o comercio e a hostalería locais, enchendo tamén de ledicia as rúas de Ribadeo. Este mercado de Nadal terá un horario, polas mañás, de doce ata as dúas da tarde, e dende as cinco ata as nove e media aproximadamente, agás os días 24 e 31 de decembro, que vai pechar un pouquiño antes, sobre as oito, e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro que abrirá a partir das seis da tarde. No Mercadiño poderemos adquirir obxectos de diferentes tipos como artesanía en madeira, complementos, decoración propia do Nadal, cerámica e tamén produtos de alimentación tradicional”.

O edil sinalou que “tamén deseñamos, por parte do Concello, un amplo programa de actuacións tanto musicais, teatrais, de maxia e de títeres para todas as idades e sempre tendo presentes as limitacións sanitarias e sociais que condicionan enormemente este tipo de eventos. Comezando o 19 poderemos desfrutar de concertos itinerantes polas rúas de Ribadeo, en horarios aproximados ás doce da mañá e ás seis da tarde, en diferentes días do Nadal, a cargo do grupo da Escola Municipal de Música e Danza, outros grupos musicais como Grupo Moreda, Viajeros del Swig e Bregadiers. Tamén teremos actuacións teatrais a cargo de Mamá Cabra, Mercromina Títeres e Palimoco Teatro, circo para os máis pequenos no parque de San Francisco e no auditorio, a actuación do Mago Teto e o tradicional concerto Aquí como en Viena ofrecido pola Banda Municipal de Ribadeo, nesta ocasión en dous pases os días 26 e 27 de decembro no auditorio”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local subliñou que “este ano, como novidade, mentres dure o Mercadiño, contaremos cunha casetiña máxica, pensada para os máis pequenos da casa, e alí as nenas e os nenos de Ribadeo poderán depositar no buzón real as súas cartas para Melchor, Gaspar e Baltasar e prometemos poñer todo o noso esforzo en facérllelas chegar ás súas maxestades. Para coñecer máis en detalle a programación das actividades de Nadal en Ribadeo, recomendo consultar a web turismo.ribadeo.gal ou seguir ao Concello nas redes sociais”.

Pablo Vizoso quixo agradecer “persoalmente a colaboración prestada por outros departamentos do Concello, nomeadamente as Concellarías de Cultura, Mocidade, Obras e Medio Ambiente. Só me queda animar á veciñanza e a quen nos poida visitar nestas condicións a gozar do ambiente navideño que, con toda a ilusión do mundo, Ribadeo nos ofrece este ano”.