O vindeiro venres, 17 de setembro, ás sete da tarde será inaugurada na Oficina de Turismo a exposición O porto de Ribadeo.Testemuñas do pasado na que se poderán ver preto de 200 pezas localizadas na campaña arqueolóxica realizada no Galeón de Ribadeo e no antigo fondeadoiro portuario. A mostra permitirá demostrar a presenza continuada de navegantes e de buques na ría desde o século V antes de Cristo ata os nosos días e amosar a riqueza histórica do leito mariño ribadense. A exposición, que está organizada polo Concello de Ribadeo, foi presentada polo alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Cultura, Pilar Otero, e o comisario da mostra, Miguel San Claudio.
O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que “estamos moi orgullosos e moi ilusionados de que, por primeira vez na historia, imos poder facer unha exposición con obxectos reais, máis aló das exposicións fotográficas que se teñen feito nos últimos tempos, porque queremos dar a coñecer a toda a nosa cidadanía, á de aquí e á de acolá, a riqueza histórica que alberga a ría de Ribadeo, singularmente no entorno do porto comercial, que duramente moitos séculos houbo unha presenza comercial de moitas latitudes e de moitos lugares que arribaron a Ribadeo. Polo tanto, é un orgullo co comisario desta exposición, con Miguel San Claudio, poder explicarlle a todo o mundo que o desexe a riqueza do noso leito mariño, a riqueza da nosa ría de Ribadeo que, en definitiva, é a ría de todos”.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo que “desde que se fixo a exposición fotográfica, a principios do verán, sobre o Galeón de Ribadeo houbo inquedanza por parte da veciñanza de ver realmente pezas, entón propuxémoslle ao comisario desta exposición, a Miguel San Claudio, a posibilidade de facer unha mostra do que se esconde no leito mariño da nosa ría e chegamos por fin a esta pequena mostra, pero á vez grande e interesante. Esta exposición, que se chama O porto de Ribadeo. Testemuñas do pasado, vai estar na Oficina de Turismo de Ribadeo dende o 17 de setembro ata o 20 de outubro, así que creo que temos tempo suficiente como para poder apreciar e ver todo este patrimonio. Espero que lle guste a todo o mundo. Convido tanto aos ribadenses como ao resto de veciños e veciñas, do noso país e de fora, a vir vela porque isto é algo único, grande e digno de ver”.
O comisario desta exposición, Miguel San Claudio, agradeceu “o apoio do Concello de Ribadeo para o desenrolo desta exposición. Foi unha idea deles e xurdiu coa inquedanza de coñecer o patrimonio cultural subacuático que se agocha na nosa ría. Imos amosar unha selección das pezas que actualmente aínda están en estudo. Imos amosar á cidadanía o traballo que nos permite demostrar a presenza continuada de navegantes e de buques nesta ría dende o século V antes de Cristo ata os nosos días. Temos previsto facer unha exposición na cal non só se amosen as pezas per se senón tamén vinculándoas ao seu lugar de orixe, á súa funcionalidade, é dicir á función que tiñan os barcos que as transportaban, e tamén amosar a súa cronoloxía. Pensamos que terá interese para a cidadanía por canto imos amosar as pezas físicas, os obxectos que atopamos nesta campaña arqueolóxica”.
A mostra estará composta por preto de 200 pezas, segundo Miguel San Claudio: “calculamos que arredor dunhas 150 ou 200 pezas. Unha das máis importantes é un pequeno fragmento de cerámica procedente da zona da actual Turquía que foi fabricada no século V despois de Cristo e que chegou ata as nosas costas. Esta peza ademais ten a particularidade de que presenta un grafito, é dicir, unha inscrición sobre ela e penso que é unha peza moi significativa. Tamén temos un fragmento dunha ánfora do século I antes de Cristo que nos está ademais ilustrando sobre a presenza romana, sobre os primeiros contactos romanos con esta zona da costa”.
O Galeón Santiago de Galiza, un barco da Real Armada de Filipe II, arribou a Ribadeo en mal estado acompañado de dúas urcas. Afundiuse o 13 de novembro de 1597 e a tripulación foi auxiliada e acollida por ribadenses. Trátase do galeón mellor conservado das augas territoriais españolas e un dos máis avanzados de finais do século XVI en técnica construtiva.