A cuarta edición de A Mariña en Ruta da Mancomunidade rematará o 16 de decembro en Lourenzá

A cuarta edición de A Mariña en Ruta rematará o vindeiro 16 de decembro en Lourenzá cunha visita que será guiada por Carmen Delia, de La Guiateca.

A Mariña en Ruta é un proxecto promovido pola Mancomunidade de Concellos coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. De outubro a novembro foron programadas 16 actividades, unha por cada concello que conforma o xeodestino e onde a artesanía da comarca ten un papel destacado. Esta edición arrincou o 7 de outubro e concluirá o 16 de decembro, despois de que por mor do mal tempo e dos lumes declarados na ponte do pasado 12 de outubro varias das saídas tivesen que mudar de data. 

Onte domingo, 3 de decembro, tivo lugar a ruta polo concello do Valadouro. Os participantes subiron ata a zona dos Penidos, na parroquia de Santo Tomé, e alí visitaron o antigo curro onde se celebraba a tradicional rapa das bestas, que anos máis tarde se trasladou ao actual e ao que tamén se achegaron. Despois pasaron polo Dolmen de Santo Tomé, considerado a mellor tumba megalítica do concello. E continuaron ruta ata o Prado das Chantas, curioso círculo lítico que ocupa unha área de 6.800 metros cadrados, acompañados sempre das marabillosas vistas e paisaxes do val e da Serra do Xistral. Ana Pena, de Guía Tu Día, foi a encargada de conducir esta ruta. 

As actividades de A Mariña en Ruta teñen unha duración de 2 a 4 horas e poden participar un máximo de 25 persoas mais o guía en cada un. O prezo xeral é de 5 euros para individual; 8 euros para parella; e 12 euros para familias ou grupos de ata 5 membros. A información sobre a rutas e as reservas de prazas realizarase de forma automática a través da web de Turismo de A Mariña Lucense https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta