A concelleira de Cultura, Pilar Otero, presentou a axenda para último trimestre desde 2019. Haberá teatro afeccionado e teatro profesional. Desde Arxentina chegará o grupo El Vacío Fértil. A música tamén centrará a programación do Concello e así o 9 de novembro actuará en Ribadeo a compositora, cantante e contrabaixista estadounidense Tonina Saputo e o 17 de novembro estará en Ribadeo Xoán Curiel. Tamén pasarán por aquí a Coral Los Corrales de Buelna, de Cantabria, e o Quinteto de acordeonistas Lagunak, de Euskadi.
A edil nacionalista dixo que “a parte das propostas da Mostra de Teatro Daniel Cortezón, que se celebra desde hoxe e ata o domingo, neste trimestre actúan en Ribadeo e dentro do proxecto Buxiganga da Deputación de Lugo, dous grupos de Foz: Axóuxeres con Un divorcio no pobo e Touporroutou con Comedia Bífida. O teatro afeccionado é un ámbito artístico importante polo que ten tamén de factor de dinamizador e cohesionador social”.
Pilar Otero contou que “xa no apartado de propostas de teatro profesional para público adulto da Arxentina veñen El Vacío Rértil para representar El mal de la piedra. Será o 13 de outubro. O día 26 deste mes Enconarte presentará en Ribadeo Monstruación, nunha proposta que organiza coa colaboración do Concello, o Observatorio da Mariña pola Igualdade. E finalmente o día 27 un das compañías de máis longa e máis sólida traxectoria, como é Teatro do Atlántico, representará Dúas donas que bailan”.
A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “para os máis pequenos e pequenas, a maiores das actividades que tivemos esta semana, Palimoco Teatro, xa en decembro o día 15, representa Queres que cho conte? E farán antes unha visita á residencia de maiores. E en pleno Nadal repiten As maimiñas co seu exitoso teatro musical Volta, revolta e reviravolta”.
A música estará moi presente en Ribadeo durante o último trimestre do ano: “na música temos a colaboración imprescindible, como vén sendo habitual, da Banda Municipal e da Coral Polifónica de Ribadeo. Aos tradicionais concertos de Santa Cilla, Aquí como en Viena ou o Festival de Panxoliñas unímoslle a visita da Coral de Los Corrales de Buelna (Cantabria). Poderemos gozar tamén do concerto íntimo do cantautor Xoán Curiel o 17 de novembro e do Quinteto de Acordeonistas vascos Lagunak, o 14 de decembro”.
Pilar Otero subliñou que “a grande proposta musical é a da compositora, cantante e contrabaixista estadounidense Tonina Saputo, que estará no auditorio municipal Hernán naval o 9 de novembro”.
A edil ribadense lembrou que “poden ter aviso puntual desta axenda, e das novidades que xurdan, na nosa páxina do facebook, tamén a través do correo que enviamos semanalmente a máis de 500 suscritores e suscritoras, ou ben a través do noso folleto en papel. E mesmo, xa saben, que camiñando por Ribadeo poden ver as nosas propostas culturais nos paneis que compartimos coa Asociación de Comerciantes e que se atopan en sitios estratéxicos como o porto, o aparcadoiro municipal, a esquina de Doutor Moreda coa rúa Reinante. E un medio tamén moi eficaz é fixarse no panel luminoso que informa á entrada do parque San Francisco”.