Os preparativos do sexto Ribadeo Indiano, que se celebrará do 12 ao 14 de xullo de 2019, botaron a andar en Santiago de Compostela coa xuntanza que os organizadores, Concello e Acisa, mantiveron nas últimas horas coa Cónsul Xeral e co Cónsul da República de Cuba para Galicia, Asturias e Cantabria, Yahima Martínez Millán e Ángel Aurelio Torres Jaime.
A vindeira edición do Ribadeo Indiano estará dedicada a Cuba, de aí a celebración deste encontro.
A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Ana Martínez, explicou que “unha delegación do Concello e de ACISA, da man do ribadense Ángel Rodríguez Anes, mantivemos un primeiro contacto co Consulado de Cuba en Santiago para iniciar a organización da nova edición do Ribadeo Indiano, que vai estar dedicado a Cuba”.
Para a edil ribadense “foi unha reunión eu creo que bastante frutífera, moi agradable, na que puxemos en común moitas ideas e propostas, incluso novidosas, para a próxima edición deste evento. Aquí, en Santiago, arrancamos un contacto de traballo e iremos avanzando co tempo. Eu creo que foi satisfactorio, porque por ambas partes quedamos encantadas”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que “se tocaron diferentes temas relativos ao vindeiro Ribadeo Indiano e ao futuro proxecto a desenvolver. No Consulado de Cuba atopamos unha disposición moi aberta, moi próxima e hai ganas de facer un evento no que haxa participación tanto pola parte cubana como desde a organización do Ribadeo Indiano. Amosáronse moi dispostos a axudar en todo o que necesitemos”.
O traballo para a organización do sexto Ribadeo Indiano continuará nos vindeiros meses entre Acisa e o Concello: “este foi o punto de partida desta edición que estará dedicada a Cuba e na que agardamos dar un paso máis nesta festa, que é moi importante para Ribadeo, para a súa historia e tamén para a súa hostalaría e o seu comercio”.