Burela presentará a Feira do Bonito na vila gaditana de Tarifa. Será o 1 de abril, segundo deu a coñecer hoxe o alcalde, Alfredo Llano.
O rexedor lembrou que “este ano fixemos a presentación en Fitur da Feira do Bonito, que é de interese turístico nacional, o que ten moita importancia para nosoutros e para iso se traballou durante moito tempo desde Ledicia, desde o Concello e todo o mundo, penso eu, do concello de Burela, porque a veciñanza sempre bota unha man para isto que nos representa e é unha referencia para todos nós”.
Llano explicou que “entón vimos facendo presentacións da Feira do Bonito en sitios singulares: xa fomos a Madrid, a Salamanca e o ano pasado a Montmeló. E en 2022 veu aquí o alcalde de Tarifa, que ten moito interese porque alí pescan o atún vermello, aquí capturamos o bonito do Norte e entón hai relación con respecto á pesca e un entendemento total. Gustoulle moito a Feira do Bonito e entón facilita que vaiamos presentala este ano a Tarifa. Estamos traballando xa para facelo o 1 de abril nun lugar que nos indicarán eles porque nos van axudar moito para organizar este evento, grazas a esta boa relación que temos”.
O alcalde burelés contou que “ademais de presentar a Feira do Bonito nese sitio co que compartimos a pesca do túnido tamén vamos defender a actividade náutico pesqueira como corresponde. Nosoutros queremos que se siga mantendo en Burela a actividade náutico pesqueira e eles pretenden o mesmo para que continúe tendo importancia económica, social e cultural durante moito tempo”.
Unha delegación viaxará a Tarifa para apoiar esa presentación: “iremos representantes do Concello, de Ledicia, da asociación de mariñeiros xubilados A Moncloa -sempre se invitan aos veteranos para que expliquen como se pesca o bonito e a súa importancia en Burela-, do sector náutico pesqueiro; e posiblemente tamén Expomar teña algo que dicir aí porque queremos dar a coñecer esta feira en todos os ámbitos onde vaiamos facer promoción de Burela”.