O Concello burelés participarán na vixésima edición de Xantar, que se celebra en Ourense do 6 ao 10 de febreiro. Burela contará cun stand máis grande e protagonizará a degustación de bonito que terá lugar o venres ás 13:00 horas. O Concello pon un autobús para que as persoas que o desexen poidan asistir a este acto.
O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, explicou que “desde o Concello de Burela, por medio da Delegación de Turismo, vamos asistir un ano máis á feira Xantar, en Ourense, xa que entendemos que é moi positiva para poder mostrar alí todos os atractivos turísticos que ten Burela. Ademais este ano decidimos dar un salto na presenza nesa feira: ampliamos o stand e tamén vamos ter un día dedicado a Burela en Xantar, que vai ser o venres. Esa xornada será cando imos facer unha degustación do bonito en diferentes especialidades para que a xente poida probar alí o noso príncipe azul”.
O edil burelés anunciou que “vamos poñer un autobús para a xente que queira desprazarse a Ourense para ver a feira e estar presente nesa degustación. Sairá ás nove da mañá da estación de autobuses para estar sobre as doce do mediodía en Ourense e poder asistir con tranquilidade a esa degustación, que vai ser á unha da tarde. Invitamos a todos os colectivos e ata agora temos xa practicamente a metade do autobús ocupado de asistentes, co cal queda a outra metade para a xente que queira ir ata que completemos prazas. Teremos tamén unha invitación para entrar á feira e poderán estar alí acompañándonos ao alcalde e a min para facer promoción de Burela”.
Fernández Rey subliñou que “é unha aposta da Delegación de Turismo participar neste tipo de feiras porque entendemos que son moi interesantes para mostrar todos os nosos atractivos”.