Burela acolle un festival infantil de baile e música tradicional este domingo, 30 de marzo

A Sociedade Cultural Ledicia, de Burela, ten organizado para este domingo, día 30 de marzo, ás seis da tarde un festival infantil de baile e música tradicional, que se desenvolverá no auditorio da Casa da Cultura, aberto ao público e sen custe para as persoas asistentes.

Participarán grupos destes colectivos: Asociación Cultural Amado Lar, de Ferreira do Valadouro; Asociación Cultural Osorio Gutiérrez, de Lourenzá; e Sociedade Cultural Ledicia,de Burela.

A entidade organizadora explica que “este festival é o resultado do traballo de todo o outono inverno; e así como a natureza florece en primavera nós queremos aproveitar o momento e disfrutar do entusiasmo das novas xeracións que fan que mereza a pena cumprir 50 anos e máis, pois este futuro que xa é presente dá sentido a todo o noso pasado. Convidamos á veciñanza a pasar a tarde do domingo con nós e agradecemos aos grupos participantes que aceptasen o noso convite. Asemade queremos agradecer a colaboración do Concello de Burela, cedendo as instalacións municipais para este evento”.