A Banda Municipal de Música de Ribadeo estreará dúas pezas no concerto das Letras Galegas, que será este venres, 17 de maio, ás 20:30 horas no auditorio municipal Hernán Naval. A entrada é de balde ata completar o aforo.
O director da Banda ribadense, David Ballester Martínez, anuncia que “a Banda Municipal de Música de Ribadeo, despois do seu concerto de Semana Santa, segue coa súa programación e a seguinte actuación que temos e o concerto das Letras Galegas, que este ano se dedican a Luísa Villalta, unha persoa que aparte de ser escritora tamén foi violinista, co cal é para nós un concerto dobremente satisfactorio por dedicalo a unha persoa que escribiu nas letras que todo o mundo coñece e tamén comprendeu as nosas letras musicais”.
Sobre o repertorio para esta actuación, David Ballester explica que “vai ser unha temática completamente galega, con pasodobres galegos, alboradas, muiñeiras, … E neste concerto tocaremos dúas pezas novas: a alborada de Celanova e unha muiñeira. Así que quero invitar a toda a xente que se atope o venres en Ribadeo a que acuda ao auditorio Hernán Naval ás oito e media da tarde para disfrutar do concerto das Letras Galegas”.