A Aula CeMIT do Concello de Ribadeo anima a participar no campamento tecnolóxico Constrúe na casa. Está dirixido a nenos e nenas a partir de 6 anos e o prazo de inscrición remata o vindeiro luns, 27 de xullo. Esta actividade está organizada pola Rede CeMIT en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
A concelleira de Mocidade, Mariluz Álvarez Lastra, explicou que “o obxectivo desta actividade é espertar e fomentar a curiosidade e creatividade entre alumnos de primaria e secundaria, e o seu interese pola tecnoloxía”.
A edil ribadense subliñou que “o programa deste ano desenvolverase de xeito online desde os fogares dos rapaces, debido ao Covid-19. Terán preferencia de inscrición todos os usuarios e usuarias das aulas da Rede CeMIT e empregarase o criterio de orde de chegada das solicitudes para asignar as prazas”.
Álvarez Lastra engadiu que “as persoas interesadas poderán consultar o folleto informativo cos requisitos técnicos e anotarse na ligazón que hai na web da Aula CeMIT de Ribadeo. Os usuari@s interesados en participar poderán inscribirse en varias actividades en función do seu curso escolar e sempre que non coincidan no mesmo día, antes do vindeiro 27 de xullo, ás 12:00 horas. Os grupos realizaranse cun máximo de 20 alumn@s”.
Os temas que se abordarán serán: deseño e creación de videoxogos, os desafíos da robótica, creación da propia App e o Minecraft.