Ata o 16 de agosto pode visitarse no parque de San Francisco a exposición Alimentación cotiá, unha ollada ao pasado e ao presente, que forma parte do traballo do obradoiro Vencellos da Memoria. A mostra foi inaugurada hoxe.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explicou que “a exposición Alimentación cotiá, unha ollada ao pasado e ao presente, que podemos ver estes días no parque de San Francisco, forma parte do traballo realizado polos alumnos e polas alumnas da especialidade de gravación de datos do obradoiro de emprego para persoas mozas Vencellos da Memoria. É unha pequena, pero ao mesmo tempo gran mostra do enorme traballo que realizaron durante estes últimos meses, organizando a documentación de arquivos municipais de Ribadeo e de Barreiros, cun obxectivo claro e principal, que é preservar e difundir o patrimonio documental e cultural destes dous concellos”.
O edil ribadense dixo que “neste labor de difusión intégrase esta exposición, que nos ofrece unha visión do papel fundamental que xogou no pasado e que xoga hoxe tamén como principal no noso presente o comercio de proximidade na economía e na vida social dos nosos concellos. Apostar polos produtos locais, polos produtores e produtoras que temos nos dous concellos, de Ribadeo e Barreiros, significa apostar polo futuro”.
Vizoso Galdo contou que “é unha exposición composta por 12 paneis sobre o comercio de proximidade tanto do pasado como do presente da vila de Ribadeo: hai un panel dedicado ao mercado dos mércores, outro ao mercado dos domingos, un máis dedicado á praza de abastos, con planos orixinais da súa construción e a historia e biografía de Ramón González, que foi quen realizou a doazón para a súa construción. Temos tamén outro panel dedicado á escola Pedro Murias, destacando o papel que xogou no desenvolvemento do agro na comarca. E logo hai 4 paneis dedicados a contar as historias persoais e profesionais dalgúns das produtoras e produtores locais de cultivo de horta ecolóxico, cultivo convencional, de carne e outro tipo de produtores locais”.
E engadiu: “agardamos que esta pequena exposición contribúa a sensibilizar e a concienciar á cidadanía do valor que tivo e que ten actualmente o comercio local como un sector estratéxico e da importancia que merece e o recoñecemento a nivel social, político e económico”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local tivo palabras de agradecemento para o obradoiro Vencellos da Memoria: “quero darlles as grazas e felicitar a todos os integrantes do obradoiro polo excelente traballo e polo enorme esforzo que dedicaron durante todos estes meses”.