Ata o 15 de maio pódese ver na oficina de turismo de Ribadeo a exposición "Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro".

Ata o 15 de maio pódese visitar na oficina de turismo de Ribadeo a exposición Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro, que foi inaugurada esta tarde polo concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e por Antonio Xiz, de Galicia Dixital. 

O edil nacionalista dixo que “ata un luns 15 de maio imos poder contemplar unha exposición sobre a figura de Manuel Rodríguez López, emigrante galego e poeta obreiro. Consta dunha serie de paneis moi vistosos e agradecidos á vista, posto que están ben deseñados, con moita fotografía, moita imaxe e a súa correspondente dose de texto ben dosificado para coñecer e adentrarnos tanto na obra literaria como na figura social e cultural de Manuel Rodríguez López: un lucense de Paradela que emigrou a Cataluña nos anos 60 e 70 e dalgunha maneira era o embaixador de Cataluña para as xentes de Lugo centro, de Paradela, da comarca de Sarria e Monforte, posto que sempre traía noticias frescas de todas as novidades culturais que se estaban desenvolvendo nesa sociedade que comezaba a agromar aló polos anos 70, desexosa de liberdade, desexosa de facer cultura na lingua propia e que enchía os corazóns de ilusión e de esperanza a moita xente que estábamos por Galicia naqueles momentos facendo cultura aquí pero con gañas de coñecer, comprender Galicia desde o mundo enteiro. E Manuel Rodríguez López era unha das figuras que alimentaba e retroalimentaba ese sistema cultural galego”.

Farruco Graña sinalou que “é unha exposición na que podemos ver distintos paneis nos que se lembran as súas publicacións en prosa, as colaboracións en libros colectivos, en xornais e revistas; unha exposición na que tamén hai paneis para saber dos premios que logrou, das condecoracións e homenaxes que recibiu e tamén para saber da súa correspondencia cos principais persoeiros da cultura galega do século XX: Ramón Cabanillas, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Xesús Alonso Montero ou Xosé Filgueira Valverde. Era unha persoa moi ben relacionada co ámbito da cultura galega daqueles momentos. Foi un emigrante que estivo en Cataluña e da súa actividade a prol da cultura galega temos información cumprida nesta exposición, que se deixa ver moi ben e que é moi agradecida”.

E engadiu que “estes paneis informativos están distribuídos por toda a sala de turismo, cáptanse moi ben visualmente e desde logo vai ser moi instrutiva para todos. Animamos ás xentes do mundo do ensino a que inciten aos rapaces e rapazas das súas aulas a que se acerquen para repasar un pouquiño a literatura galega do século XX. E en todo caso todos e todas poderemos informarnos máis a fondo desta figura de Manuel Rodríguez López na páxina web que leva o seu nome: www.manuelrodriguezlopez.org”.
A exposición está organizada polo Concello de Paradela, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, C.R.R.O. Ribeira Sacra, Galicia Dixial e o Concello ribadense.