A Asociación Deportiva de Sendeirismo Pasada das Cabras, de Burela, fará a ruta de Poncebos a Bulnes, en Asturias, o sábado 13 de abril. O prezo é de 25 euros para os socios do colectivo organizador e de 35 euros para os que non o son. Inclúe autobús e seguro. Para a comida pódese levar bocadillo para comer durante o camiño, pero tamén hai restaurantes na zona. A saída será ás 07:00 horas desde a estación de autobuses de Burela.
É unha ruta de dificultade moderada, con 9 quilómetros de percorrido. A organización recomenda levar bastón e calzado apropiado.
A organización explica que “este roteiro levaranos, nun curto pero intenso paseo, dende Poncebos ao típico pobo de Bulnes, en pleno corazón dos Picos de Europa, a través da Canal do Texo, un impresionante desfiladeiro formado por un antigo glaciar que partía da base do Pico Urriellu (Naranjo de Bulnes). En realidade trátase do antigo camiño e a única vía de comunicación que tiñan os veciños do pobo con Poncebos, ata que no ano 2000 se inaugurou o funicular subterráneo que atravesa a montaña”.
As persoas que queiran participar deben anotarse antes do 11 de abril.