Apaga presenta nova oferta formativa e no mes de abril vai impartir un curso de interpretación de planos no sector naval. Poderán asistir quince persoas e o prazo de presentación de solicitudes remata o 29 de marzo. Desde a organización sinalan que “unha vez superado o curso os asistentes poderán optar a postos de traballo que ofrecen as empresas navais tanto en Asturias como en Galicia”.
O presidente de Apaga, Álvaro Doural, declarou que “desde principio de ano estivemos traballando, dada a situación da pandemia e de determinados sectores, e consideramos que desde a nosa asociación tamén podíamos aportar algo e xerar algunha actividade de formación que puidera paliar en gran medida esta situación que se está dando. Pensouse en traballar en tres liñas de actuación. Unha sería o sector naval, outra a de comerciantes e pequenas empresas e despois outro tipo de accións que complementaran abrir novos campos de empregabilidade”.
Doural anunciou que “neste momento empezamos coa presentación dun curso demandado polo sector naval. É de interpretación de planos no sector naval e a súa duración será de trinta horas. Hai unha limitación de prazas a quince candidatos. Vai ser impartido por un técnico de acreditado prestixio neste tipo de construcións. O prazo de solicitudes vai estar aberto ata o 29 de marzo. Como sempre hai un correo electrónico para contactar con nós que é apagaribadeo@gmail.com e os números de teléfono 639 88 49 45 e 629 096 711. Ademais na nosa páxina web, www.apaga.es, en solicitude de cursos, hai un formulario que se cubre e desde aí pódese enviar”.
O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia subliñou que “este é o comezo deste tipo de accións que van dirixidas ao sector naval. Neste momento o sector ten unha puxanza importante na zona, pero con esta iniciativa ven reforzar e cubrir un pouco as necesidades de formación que ten. Consideramos que era a nosa obrigación, como asociación sen ánimo de lucro, reforzar este tipo de sectores que están en puxanza, aos que a pandemia non lles afectou moito e aí están”.
E adiantou que “máis adiante imos sacar un curso para os comerciantes da Mariña e despois outro que vai ser de drons”.