O 24 de abril ás 20:00 horas chegará ao Auditorio Municipal de Burela "A aldea das mulleres", o novo espectáculo de Carmen Conde de Tarabela Creativa.
A historia transcorre ao tempo que debulla fabas. Mentres ela vai debagando historias con ese poder simbólico que ten "buscarse os feixóns" constrúe a aldea das mulleres con relatos das habitantes, que rexen o seu destino, teñen as súas leis, viven emancipadas e tallan en pedra ornamentada os seus nomes para a Historia. E como fío condutor unha legume chea de supersticións, maldita, cargada de ánimas, empregada para a xustiza, como afrodisíaco e como o único alimento para roer en tempos da fome. Fabas e mulleres nunha sesión-aldea que acubilla liberdades, rompe silencios e achega ao público historias apañadas da horta da realidade.
A entrada será de balde.