A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (ACISA) ribadense pide especial prudencia a veciños e visitantes do municipio esta fin de semana, na que se celebraría o Ribadeo Indiano, e que se suspendeu debido á pandemia. A patronal local, como coorganizadora do evento xunto ao Concello de Ribadeo, solicita moita precaución para evitar que haxa unha alza nos contaxios de Covid-19.
O presidente de ACISA Ribadeo, Francisco Iriarte, explica que “tomar a decisión de anular o Ribadeo Indiano non foi nada fácil, nin para o Concello nin para nós, pero cada vez estamos máis convencidos de que foi a decisión máis acertada. Todos sabemos o importante que é o Ribadeo Indiano para a nosa economía, e especialmente nós, a asociación de comerciantes e hostaleiros, pero a actual situación non se achega a ser minimamente óptima para realizalo. E desde ACISA, como colectivo que engloba ás empresas máis prexudicadas por esta decisión, cremos que o Concello e nós tomamos a decisión debida. Agora ben, esta decisión tomouse para evitar un descontrol nas rúas, aglomeracións, botellóns, festas descontroladas, reunións excesivas en domicilios. Pero non cancelamos o evento para dar pé a actitudes incívicas e irresponsables en contornas privadas ou públicas, que nos poidan levar, como está a suceder noutros lugares, a ter que sufrir novas restricións.”
Francisco Iriarte engade que “vestirse de indiano non fai dano a ninguén, se así alguén quere lembralo, e tomar algo na hostalería ou facer unha comida nun restaurante de forma controlada e cumprindo escrupulosamente as normas tampouco prexudica a ninguén; de feito axudará a un sector moi danado, pero queremos insistir nunha única mensaxe: prudencia.”
Mensaxe especial aos mozos
O xerente de ACISA, Jesús Pérez, diríxese aos mozos “por empatía con eles porque teño 27 anos e encantaríame poder celebrar como faciamos sempre o Ribadeo Indiano, pero non é posible. Os menores de 40 anos estamos case todos sen vacinar e ata que non o fagan, algo que debería ser canto antes vista a actual situación, insisto nunha mensaxe que xa transmitimos con anterioridade: non só non somos inmunes ao virus se non que somos un factor de risco, por ser potenciais contaxiadores. Non só podemos enfermar nós moi gravemente se non que podemos levar o Covid á casa, a familiares que non teñan a pauta de vacinación completa ou que aínda téndoa poidan enfermar igual.”
Jesús Pérez envía tamén unha mensaxe aos pais dos máis novos: “aos seus fillos non lles vai a pasar nada se lles din que saian con coidado, que non se vaian a unha festa 30 escondidos nunha casa, nun garaxe ou nalgunha zona pública oculta porque de aí é máis que probable que poida xurdir un brote de coronavirus. Por iso non só pedimos responsabilidade directa aos mozos se non tamén aos seus pais.”
Para finalizar ACISA Ribadeo considera ademais que “este verán debemos deixalo pasar sen eventos nin festas; se non se estraga antes do previsto co aumento de casos que se está vendo en España, as previsións de negocio eran bastante boas, moito mellores que o pasado ano, sen necesidade de facer eventos, polo que o Concello de Ribadeo ten o noso apoio para este verán sacrificar as festas, que a todos nos gustan pero especialmente aos mozos, que son quen no fondo máis as gozan. O Carme, a Festa do Percebe de Rinlo, a Xira a Santa Cruz, etcétera oxalá puidesen celebrarse con normalidade, así o quixésemos todos, pero con sorte este será o último verán de sacrificio.”