Acisa inaugurou na tarde de hoxe a súa árbore de Nadal, que volve á súa ubicación inicial, á praciña de San Roque. Alí foi creado un espazo único, onde veciñanza e visitantes poderán fotografarse fronte ao nome de Ribadeo en tamaño XL iluminado para a ocasión.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “a árbore de Acisa, que este ano volve á súa ubicación orixinal, na coñecida praciña de San Roque, ten máis de 1.200 metros de luces led, 10 metros de altura e 5 de diámetro. Ademais está decorada no seus laterais cos logotipos dos establecementos asociados, para facer promoción dos socios e socias de forma directa nun lugar que será de paso para moitas persoas. E no seu frontal leva o nome de Ribadeo en letras XL, de 8x1 metros. A nosa árbore foi acendida xunto co alumeado de todas as rúas de Ribadeo por parte do Concello, ao que lle queremos agradecer a súa colaboración nos traballos de instalación e nos permisos correspondentes".
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliñou que “queremos desde Acisa animar á veciñanza a realizar as súas compras no comercio local, que é un referente en toda a contorna, tanto en Galicia como en Asturias. E para que así siga a ser o mellor que podemos facer é apostar polas tendas de confianza, polas tendas de toda a vida, nas que atoparemos un trato amable e personalizado, onde poderemos tocar e probar os produtos. O comercio e a hostalería local son os motores das vilas e temos que seguir apostando por eles e apoiándoos, de aí todo o traballo que estamos a realizar desde a Asociación de Comerciantes, Industrias, Servizos e Autónomos de Ribadeo, co reparto de diferentes materiais de xeito gratuíto e coa organización de diversas actividades ao longo de todo o ano”.
Pérez Prada dixo que “o que queremos é contribuír a crear e manter o espírito destas datas en Ribadeo Para animar as compras e o ambiente do Nadal nas nosas rúas soarán de novo as panxoliñas estes días. En total colocáronse mais de 30 altofalantes en diferentes localizacións, a través dos que soará a música de Nadal, durante esta ponte dende hoxe e ata o 11 de decembro en horario de 12 a 14 horas polas mañás e de 18:00 a 22:00 horas polas tardes-noites, co fin de non molestar nas horas de descanso e para crear ambiente nas horas principais do día para a hostalería e o comercio locais. Logo haberá un pequeno descanso e volveran soar dende o 22 de decembro ao 6 de xaneiro, no mesmo horario”.
Cruzado Iglesias engadiu: “coa inauguración da árbore na praciña de San Roque e co son das panxoliñas, iniciativa que achegan á veciñanza o Concello e Acisa, arrinca a programación de Nadal, que virá cargada de campañas e actividades, que iremos desvelando e que agardamos que sexan de moi bo agrado para veciñas, veciños e visitantes”.
Ao acendido da árbore acudiron o alcalde, Fernando Suárez, os concelleiros de Cultura, Medio Ambiente e Desenvolvemento Local, Pilar Otero, Jorge Díaz e Pablo Vizoso, así como a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.