A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra este sábado, 22 de decembro, ás 12:00 e ás 18:00 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval o seu tradicional Festival de Nadal, que se enmarca dentro dos actos do 25 aniversario do centro.
No repertorio deste ano non faltarán as panxoliñas, pero tamén hai cabida para outros ritmos como a música moderna ou a tradicional. “O de Nadal é, xunto con fin de curso, o festival que máis éxito ten tanto entre o alumnado coma entre o público, de aí que cada ano procuremos ofrecer cousas novas tanto a nivel de repertorio coma de posta en escena”, apunta Hugo García, responsable da EMMeD de Ribadeo.
Pero sen dúbida o aspecto máis destacado do Festival de Nadal, tal e como acontecera en cursos anteriores, é a súa vertente solidaria. Ao longo de toda a semana, desde o11 ao 18 de decembro a EMMeD de Ribadeo realizou unha recollida de produtos de Nadal (turróns, polvoróns, mazapáns...) para entregar ao departamento de Servizos Sociais do Concello co fin de que sexan distribuídos entre familias con escasos recursos. Hugo García agradeceu “a toda a comunidade educativa que, na medida das súas posibilidades, fixeron unha achega a esta recollida de alimentos, pois cun pouco de cada un de nós axudaremos a moitas persoas”.
O responsable da EMMeD de Ribadeo sinalou que “unha das apostas da EMMeD de Ribadeo é achegar durante todo o curso ao alumnado valores que vaian máis aló do estritamente musical de aí a inclusión no currículo académico do centro de aspectos como a solidariedade, a igualdade ou a loita contra a discriminación de calquera tipo”.