Acisa Ribadeo sorteará 5.000 euros en vales de compra na VIII Festa do Comercio que se celebrará o 12 de xaneiro. Haberá 5 premios presenciais e un non presencial.

Acisa sorteará 5.000 euros en vales de compra na VIII Festa do Comercio que terá lugar o 12 de xaneiro. A campaña de Nadal da comezo este sábado, 1 de decembro, e todas aquelas persoas que fagan as súas compras no comercio local obterán rifas para poder participar nese importante sorteo.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, subliña “a contía que destinamos aos premios. Son 5.000 euros en vales de compra para gastar no comercio local asociado nun prazo de dous meses. Nesta edición da Festa do Comercio queremos dar premios grandes e así establecemos un primeiro premio de 2.000 euros en vales de compra, un segundo premio de 1.000 euros, un terceiro de 500 euros e dous cuartos de 250 euros cada un. E teremos un premio non presencial, que é moi importante, xa que estará dotado con 1.000 euros en vales de compra. Deste xeito pretendemos atender as peticións dos nosos asociados e asociadas de premiar tamén ao cliente de fora da comarca, que pasa por aquí para facer as súas compras de Nadal”.

O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús Pérez, sinala que “esta campaña busca premiar e agradecerlle á clientela do comercio e da hostalería de Ribadeo que merquen e que consuman aquí desde este mesmo momento, durante o Nadal e tamén nas rebaixas en lugar de facelo en grandes superficies comerciais ou en plataformas estranxeiras de venda on line”. 

Iriarte subliña que “os premios presenciais non van quedar desertos, van tocar si ou si. Qué feliz vai marchar para a súa casa aquela persoa que leve 2.000 euros en vales de compra para gastar en Ribadeo, igual que as de 1.000 e as do resto dos premios. E como novidade este ano faremos o sorteo na carpa da pista xeo, que estará situada no Parque de San Francisco”.

Pérez lembra que “todas as persoas que fagan as súas compras en Ribadeo do 1 de decembro ao 12 de xaneiro terán a posibilidade de obter algún destes premios, 5 presenciais e 1 non presencial. Que ninguén marche de Ribadeo sen as súas rifas, sen as súas papeletas, que as pidan cando fagan as súas compras nos establecementos asociados a Acisa”.

Para participar no sorteo do 12 de xaneiro Jesús Pérez da uns cantos consellos: “hai que coller a parte máis estreita das rifas, que aparece perfectamente identificada, e metela na urna que haberá na carpa entre as 16:00 e as 20:30 horas do día do sorteo. E despois asistir ao sorteo, claro está. No caso do premio non presencial o número elixido darase a coñecer o mesmo 12 de xaneiro. Será seleccionado mediante un programa informático que escollerá de forma aleatoria un número entre os 200.000 que se repartirán durante esta campaña. O gañador terá ata o 18 de xaneiro para presentarse nas oficinas de ACISA Ribadeo para reclamar o seu premio. De non facelo perderá o dereito sobre o mesmo e considerarase deserto”. 

Durante a campaña de Nadal Acisa organizará outras actividades para animar as compras destas datas: “contaremos cun Papá Noel para os máis pequenos, cun carteiro real, cunha bonita árbore de Nadal, que estará instalada na rúa San Roque e con algunhas outras sorpresas”.

Acisa Ribadeo estrea con esta campaña o logotipo conmemorativo do 30 aniversario de creación da asociación, que se cumprirá en 2019, e que aparece e estará presente en toda a cartelería ao longo dos vindeiros meses nos que se desenvolverán diversas actividades relacionadas con esta celebración. 

Novas altas
Desde a directiva de Acisa amósanse moi satisfeitos coas 33 novas altas de asociados e asociadas que se rexistraron no que vai deste ano 2018. E danlle a benvida a hotel restaurante Javier Montero, mesón Morriña, Trece Eventos, Casa Fandín, Estudio 27 e Phone House, que foron as incorporacións das últimas semanas.