O pavillón Vista Alegre de Burela acollerá este sábado, 10 de novembro, a celebración dos 22 Xogos Autonómicos de Baloncesto Special Olympics Galicia. Darán comezo ás 11 da mañá e participarán 19 asociacións de toda a comunidade galega con 270 deportistas, 59 adestradores e 52 voluntarios. O evento está organizado por Special Olympics e a Fundación Eu Son coa colaboración dos Concellos de Burela, Cervo e Foz e a Deputación de Lugo. Alumnado da Escola Municipal de Música de Burela co seu director á cabeza, Xan Carballal, interpretará o himno galego ao inicio deste evento deportivo.
O alcalde, Alfredo Llano, subliñou que “imos ter un acontecemento deportivo extraordinario, de singular beleza, cooperación e motivación para moitos rapaces e rapazas que van acudir aquí o sábado, día 10. É a 22 edición de Xogos Autonómicos de Baloncesto que organiza Special Olympics Galicia. Sabemos que estes xogos están dedicados a aquelas persoas que teñen algunha minusvalía intelectual, pero que grazas ao deporte teñen un soporte extraordinario para motivar, compartir experiencias e para viaxar. Está organizado por Special Olympics e vai colaborar a Deputación, pero tamén os Concellos de Foz, de Cervo e o de Burela, dado que aquí imos ter a sede destes xogos. Imos comezar no pavillón Vista Alegre o sábado ás once da mañá”.
O rexedor contou que “hai que dicir que, como curiosidade numérica, veñen 19 asociacións de toda Galicia con case 270 deportistas en total, 59 adestradores e 52 voluntarios. Esta xente xa é unha boa cantidade, pero vai vir con familiares e amigos, polo tanto penso que vai haber un ambiente agradable durante todo o día practicamente, tanto nos concellos limítrofes de Cervo e Foz como aquí en Burela”.
Alfredo Llano engadiu que “o Concello de Burela está ilusionado e contento de que se elixira o noso pobo para levar adiante este evento deportivo para este colectivo tan especial, e polo tanto imos colaborar o máximo posible. Queremos tamén animar á xente de Burela, aos nosos veciños, a que acudan ao pavillón Vista Alegre durante o sábado para compartir con estes deportistas, motivalos e que reciban o aplauso que merecen polo seu tremendo esforzo e polas súas ganas de facer as cousas ben. Desde o Concello de Burela imos procurar estar á altura para que todo isto salga de marabilla”.