Na programación cultura de setembro do Concello burelés destaca a actuación de Luís Piedrahita, o día 28, no auditorio municipal ás 21:00 horas.
As actividades darán comezo este domingo, día 9, coa celebración do rastro solidario popular. Terá lugar na praza da Mariña de 10:00 a 15:00 horas.
O sábado 15 tamén na praza da Mariña terá unha exhibición de zumba. Está organizada coa colaboración de Ximnasio Breogán e dará comezo ás 20:30 horas.
O domingo 16 haberá cine infantil no auditorio municipal. A entrada será de balde e a proxección comezará ás 18:30 horas. O 23 volverá haber cine infantil no auditorio.
O venres 28 actuará o monologuista coruñés Luís Piedrahita, que presentará o seu monólogo Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas. Terá lugar no auditorio municipal ás 21:00 horas. As entradas poden adquirirse na billeteira do auditorio o día da actuación ou en ataquilla.com
José Díaz, o concelleiro de Cultura, subliña que “estamos diante doutro evento cultural do máis de alto nivel en Burela”.
O 29 presentarase o espectáculo familiar A casa do terror. Será no auditorio municipal ás 19:30 horas con entrada de balde. Esta representación inclúese no programa FalaRedes.
O Concello de Burela conta coa colaboración da Xunta de Galicia, AGADIC e a Rede Galega de Teatros e Auditorios para levar adiante esta axenda cultural.