A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá dous concertos na vila a vindeira semana. O mércores 25 de xullo terá lugar o do Día da Patria Galega, ás 20:30 horas no parque de San Francisco; e o sábado 28 de xullo, tamén neste escenario, celebrarase o festival de bandas, no que participarán as de Villamayor (Salamanca), Vilalba e a anfitrioa.
O director da Banda ribadense, David Ballester, anunciou que “a Banda Municipal de Música de Ribadeo empeza coa súa serie de concertos desta tempada de verán. Esta semana que vén vai haber dous: un terá lugar o mércores, 25 de xullo, ás oito e media da tarde, no parque San Francisco, con motivo do Día da Patria Galega. O repertorio será variado, tanto con obras galegas como doutros estilos, xa que a banda participou con anterioridade no Ribadeo Indiano incluiremos algunha obra das que tocamos nesas datas. En caso de choiva ou mal tempo, trasladarémonos ao Teatro”.
David Ballester engadiu que “o sábado 28 de xullo terá lugar o tradicional festival de bandas de música, no que participarán a Banda de Música de Villamayor (Salamanca); a Banda de Música de Vilalba e a Banda Municipal de Música de Ribadeo. Empezará as sete e media, cun pequeno desfile das tres bandas participantes desde o Teatro, e a continuación no parque San Francisco, arredor das oito, comezará o festival. En caso de choiva ou mal tempo trasladarémonos ao auditorio Hernán Naval”.
O director da Banda de Ribadeo rematou convidando “a toda a xente que estea nestas datas por Ribadeo a que se achegue aos dous concertos e que gocen da música que se fai aquí”.