Nas últimas horas deuse a coñecer o programa completo do V Ribadeo Indiano, que organizan o Concello e Acisa. Hoxe dan comezo as actividades das antevésperas, ás que seguirán as das vésperas os días 4 e 5 de xullo.
Dito programa é aínda máis amplo e variado que nas edicións anteriores, xa que por primeira vez conta con actos os días previos á celebración da festa indiana. Este mércores, 27 de xuño, inaugúrase unha exposición fotográfica na Oficina de Turismo e o sábado, día 29, no Cantón dos Moreno soará o “Son Galego, Son Cubano” de Roi Casal. Estas son as actividades das antevésperas.
Xa os días 4 e 5 de xullo están programadas unha conferencia e a proxección dun documental. O 4 ás 20:30 horas na Casa das Letras o investigador Martín Fernández Vizoso pronunciará unha charla sobre “Ribadeo Indiano, os nomes da memoria e dun territorio de futuro” e o 5 no auditorio Hernán Naval ás 20:30 horas proxectarase o documental “Pedro Murias, un desván que fixo as Américas”.
A intensa axenda do V Ribadeo Indiano, no que se renderá homenaxe a Uruguai, arrincará o 6 de xullo ás 18:00 horas no Teatro cun acto no que intervirán María del Huerto Arcaus Sánchez, cónsul xeral de Uruguai, Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, cronista oficial de Ribadeo, e Francisco Iriarte, presidente de Acisa. Logo haberá outras actividades e a tradicional baixada ao porto de Porcillán, onde asistiremos á representación de “Cadros da emigración”. Será ás 22:30 horas cando Diego Rodríguez Paz pronuncie o pregón da quinta edición do Ribadeo Indiano.
Verbenas, teatro, xincanas, paseos culturais, visitas a casas indianas, talleres de animación musical e de baile, exposicións, pasarrúas… serán os protagonistas do 6 ao 8 de xullo en Ribadeo. O 7 de xullo no barrio de San Roque terá lugar o Mercado de Produtos de Ultramar e na praza de abastos haberá unha exhibición de luxosos coches clásicos. E xa á tardiña celebrarase o XXIV Festival de Habaneras e Música Hispanoamericana Ría de Ribadeo no que intervirán o Coro Ángel Embil , de Pola de Siero, a Coral Ozenki, de Hernani, e a Coral Polifónica de Ribadeo.
E o domingo, 8 de xullo, as actividades a partires das dúas da tarde trasladaranse ao Círculo Habanero da Devesa, onde pola noite rematará o V Ribadeo Indiano.
Durante a fin de semana de celebración deste evento nas casas de comidas e de bebidas poderase degustar a gastronomía indiana.