Lourenzá conmemora o día mundial contra o cancro de mama cunha merenda solidaria. Será o 19 de outubro no Torreón dos Frades.

Este xoves, dá 19 de outubro, terá lugar unha merenda solidaria no Centro Social Torreón dos Frades ás 18:00 horas  con motivo do Día mundial contra o cancro de mama. Está organizada pola Concellería de Servizos Sociais.

Na merenda solidaria haberá mantecadas e chocolate para todos os asistentes e os donativos serán entregados a Asociación Española Contra o Cancro. O Concello de Lourenzá agradece a colaboración de Pastelería Cabaleiros, que contribúe aportando as mantecadas para a merenda.
 
A alcaldesa, Rocío López, e a concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Dengra, fan un chamamento a todos os veciños e veciñas de Lourenzá para que participen “neste acto solidario, en apoio a todas aquelas persoas que padecen e loitan por superar esta enfermidade. Por segundo ano consecutivo decidimos organizar esta cita, dada a boa acollida que tivo a do ano pasado, na que houbo moita afluencia de xente e sobre todo moita participación e sensibilización cun tema tan serio como é o cancro de mama”.
 
Ademais colgarase no balcón da Casa do Concello de Lourenzá un gran lazo rosa co lema A túa loita é a miña loita, como símbolo de solidariedade con quen padece esta enfermidade.