O vindeiro xoves, 19 de outubro, ás 10:00 horas terá lugar na aula do Centro Demostrador TIC, en Santiago de Compostela, a presentación dunha actividade formativa que se vai a realizar en colaboración con Orange e a Escola de Organización Industrial (EOI). O acto, que será retransmitido a través de videoconferencia desde a Aula CeMIT de Ribadeo, terá unha duración máxima dunha hora.
A actividade denomínase Sé dixital e é un programa de formación on line para desenvolver habilidades dixitais e axudar aos cidadáns a facer negocios desde a súa localidade. A actividade está baseada en contidos de alta calidade e coas últimas técnicas audiovisuais/linguaxes de comunicación, con expertos e especialistas de renome, e adaptados á realidade de cada municipio ou comunidade.
A formación consiste nun curso gratuíto de 20 horas de carga lectiva orientado a todos os cidadáns, profesionais e comercios de Ribadeo, e ao que poderán acceder durante aproximadamente un mes e medio (45 días) utilizando a plataforma ad hoc para o programa.
Esta plataforma está dispoñible desde calquera dispositivo fixo ou móbil, coa vantaxe engadida que para ser alumno de Sé dixital non se requiren coñecementos previos polo que o curso vai dirixido a calquera público interesado en oportunidades de negocio, utilizando internet e os medios dixitais.
Os participantes formaranse en contidos como as oportunidades para os negocios desde a súa localidade, tecnoloxía básica para os negocios e a promoción en canles dixitais, consideracións xurídicas básicas sobre propiedade intelectual e protección de datos, e outras temáticas relacionadas coa economía dixital. Os alum@s terán acceso á comunidade de aprendizaxe local e nacional, e contarán con titores e dinamizadores específicos durante a actividade.
O alumnado que complete a formación obterá un certificado oficial da EOI (Escola de Organización Industrial). O único requisito para poder asistir é ser usuario/a da rede CeMIT e solicitar inscrición neste evento.