Acisa e o CCA de Ribadeo súmanse aos "Días Azuis do Comercio Galego", do 16 ao 30 de xuño. Nesta campaña sortéanse importantes premios para clientes e comerciantes.

Chegan os Días Azuis do comercio galego a Ribadeo do 16 ao 30 de xuño. Trátase dunha iniciativa da Federación Galega de Comercio e da Xunta de Galicia en colaboración coas federacións provinciais, asociacións de comerciantes e centros comercias abertos de toda a comunidade á que se suman Acisa e o Centro Comercial Aberto de Ribadeo. 

Nesta campaña poderán participar todos os clientes do comercio de proximidade que merquen nesas datas. Entre eles vanse sortear 16.000 euros en premios, distribuídos en 8 tarxetas prepago regalo de 500 euros cada unha, 20 tarxetas de 300 euros e 40 tarxetas de 150 euros. Eses agasallos deberán ser empregados para volver mercar nos establecementos tradicionais e asociados. O sorteo terá lugar o 5 de xullo ante notario.
O clientes de Acisa Ribadeo poderán participar nesta campaña dos Días Azuis enviando un SMS co texto DÍAS AZUIS, seguido do nome e dos seus apelidos ao 981 099 093 ou rexistrando a compra en www.diasazuis.com ou mesmo desde os propios comercios.

Neste caso deberá ser o comerciante o que a través da plataforma www.diasazuis.com/comercios rexistre directamente a operación de compra dos seus clientes. Deste xeito o consumidor duplica a participación para o sorteo. En todos os casos, o cliente debe fotografar e/ou gardar o seu tícket de compra como xustificante. 
Ademais paralelamente a esta campaña dirixida aos clientes do comercio, ABanca realiza un sorteo entre todos os comercios que facturen con TPV ABanca ou realicen operacións de financiamento de compra a prazos nas datas comprendidas entre o 16 e o 30 de xuño. Por cada 100 euros de facturación o comercio obterá unha participación.

En total sortearanse 4 premios de 1.000 euros cada un (1 por provincia). O sorteo terá lugar por parte de ABanca antes do 5 de xullo e os premios aos comerciantes entregaranse no acto final da presente campaña. 

Desde Acisa Ribadeo animan “a todos os comerciantes que poidan participar nesta campaña a facelo, xa que pensamos que é moi beneficiosa tanto para os nosos asociados e asociadas como para os seus clientes”.