A Acial de Lourenzá organiza unha festa de fin de ano no recinto feiral coa colaboración do Concello. Haberá badaladas, música e sorpresas.

A Acial de Lourenzá organiza unha festa de fin de ano no recinto feiral coa colaboración do Concello. Haberá badaladas, música e sorpresas.
 
A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (ACIAL) organiza na noite do día 31 de decembro ao 1 de xaneiro, a partir da unha da madrugada, unha festa de fin de ano que terá lugar no recinto feiral e coa que colabora o Concello. A ACIAL engalanará para a ocasión as naves do mercado recreando como era antiga discoteca El Recreo.
 
O presidente da ACIAL, Javier Huertas, explicou hoxe que para a noite de fin de ano “aínda que realmente será o día 1, porque vai ser despois das doce da noite, concretamente a partir da unha da madrugada, vaise abrir o recinto feiral para facer unha festa. Ás dúas da mañá imos dar as badaladas, como fan nas Illas Azores, que é unha das zonas nas que son a esa hora. Imos dalas unha muller, que será unha sorpresa, e máis eu. Tamén vai haber un DJ con música e a partir das cinco da mañá, chocolate con churros”.
 
O presidente de ACIAL salienta que “imos recrear no recinto feiral o que era a antiga discoteca El Recreo. Para alí levamos as butacas e as mesas que había no Recreo, e vanse poñer como zonas vip onde a xente poida estar sentada cos seus amigos e tamén haberá mesas máis altas para que a xente máis maior poida estar sentada comodamente. Ademais climatizarase o recinto con canóns de calor e estufas e estará engalanado con adornos de Nadal”.
 
Javier Huertas engadiu que “a barra corre a cargo da asociación de comerciantes e imos poñer un camareiro para poder gozar tamén nós da noite. A entrada vai ser moi módica, a 5 euros. Vanse dar as uvas para comer coas badaladas, o que imos facer nunha especie de palco e por detrás reproducirase un reloxo co son, imitando ao que se fai na televisión”.
 
O presidente do colectivo empresarial destacou que “colabora con nós na organización desta festa o Concello de Lourenzá”.