Ata o 13 de xaneiro permanecerá aberta na oficina de turismo de Ribadeo a exposición "Andar cos tempos...", organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade e o Concello de Ribadeo.

Ata o 13 de xaneiro permanecerá aberta na oficina de turismo de Ribadeo a exposición "Andar cos tempos...", organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade e o Concello de Ribadeo.
 
Este domingo, 18 de decembro, inaugurouse a exposición titulada Andar cos tempos…ou de cómo cribar o gran para mañá, organizada conxuntamente polo Observatorio da Mariña pola Igualdade e o Concello de Ribadeo. Esta mostra pode visitarse na Oficina de Turismo en horario de atención ao público ata o 13 de xaneiro. Ao acto de inauguración asistiron o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e a concelleira de Turismo, Ana Martínez.
 
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, salientou que “comisariada por Carme Campo e Chus Caramés, esta exposición pretende facer unha reletura do baile e da música tradicional enfocado desde a perspectiva de xénero. Carme Campo e Chus Caramés son educadoras no ámbito non formal e investigadoras do noso patrimonio cultural inmaterial, ademais son mestras de baile tradicional. Ambas destacaron a súa aposta por reler a nosa música e baile tradicionais procurando detectar estereotipos sexistas para lograr superalos e manter viva a nosa tradición, pero afastada de prexuízos sexistas”.
 
Pola súa banda Elisa Pérez Vázquez, no nome do Observatorio da Mariña pola Igualdade, recoñeceu que “desde un primeiro momento o Observatorio atopou moi interesante unha exposición que naceu no ano 2015, no marco dos XVI Encontros de Música Tradicional de Carboeiro, e que puido ser contemplada posteriormente no Museo do Pobo Galego entre abril e maio deste ano 2016, e que formaba parte da programación do departamento de Educación e Acción Cultural de dito museo”.
 
Desde o Concello de Ribadeo a concelleira de Turismo, Ana Martínez, quixo destacar que “para Ribadeo é un orgullo poder apoiar iniciativas como esta que o Observatorio da Mariña pola Igualdade desenvolveu ao longo de toda a comarca, facendo da Mariña luguesa un referente para todo o país en materia de igualdade entre mulleres e homes”.