O Concello e Acisa traen por segundo ano consecutivo a Ribadeo unha pista de xeo natural, que estará situada no parque de San Francisco do 17 de decembro ao 8 de xaneiro, en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 22:00 horas. As persoas que fagan as súas compras nos establecementos asociados a Acisa terán un desconto dun 50% no prezo da entrada, que é de 6 euros. O alcalde, Fernando Suárez, salientou na presentación celebrada esta mañá, que este Nadal a pista é de maior tamaño que a do ano pasado e que é a única destas características da que se poderá gozar na provincia de Lugo. O presidente de Acisa, David Martínez, contou que a partir de mañá, martes, xa se poden obter os tíckets de desconto por compras superiores a 20 euros nos establecementos asociados.
O alcalde declarou que “vendo o notable éxito que tivo o ano pasado, queremos neste ano volver a ter esta nova iniciativa da man de Acisa e o Concello para poñer en marcha esta pista de xeo natural este Nadal. Hai que ter en conta que isto facémolo para que a xente o pase ben, para que os nenos e os non tan nenos teñan un lugar de ocio durante todos estes días. Pero seríamos inxenuos se non dixéramos que o que realmente queremos é que a xente veña mercar a Ribadeo. De aí que poñamos esta pista de xeo natural coa intención de que se un compra aquí sendo de Ribadeo ou de fora, terá un desconto dun 50% no custo do tícket. O prezo da entrada é 6 euros, pero si se compra en Ribadeo, nos establecementos asociados de Acisa, o vale desconto suporá o 50%”.
Suárez Barcia dixo que “a partir deste vindeiro sábado, 17 de decembro, e ata o 8 de xaneiro de maneira ininterrompida estará esta pista de xeo natural en Ribadeo. Ten novidades con respecto ao ano pasado e a máis importante é o tamaño. É moito máis grande que o ano anterior, xa que a pista que o ano pasado era duns 200 metros cadrados, este ano leva case o 60% máis de superficie chegando aos 320 metros cadrados, que van facer as delicias de todo o que veña patinar”.
Fernando Suárez asegurou que “buscamos a autofinanciamento, a autosustentabilidade de todo este proxecto, pero se non é así e ao final acabamos tendo unha perda para o Concello, non será tal perda porque suporá que moita xente veña a Ribadeo, que moita xente compre en Ribadeo e que moita xente lle dea vida a este sector que temos importante en Ribadeo, como é o comercio local”.
O alcalde ribadense subliñou que “este ano temos un reto e case considerámonos un centro moi atractivo en moitos quilómetros á redonda. O ano pasado tivemos que competir cunha moi importante que había en Lugo e este ano en toda a provincia luguesa soamente está Ribadeo con pista de xeo natural, porque esta non é unha pista de xeo artificial. Competimos con outras cidades, pero que están ben distantes a nós”.
Suárez Barcia convida “a todos aqueles, non soamente do concello senón do Occidente de Asturias, da Mariña de Lugo, incluso da provincia de Lugo e doutras provincias, que estou convencido de que van vir durante estes días de Nadal a facer as súas compras aquí a Ribadeo”.
Pola súa banda o presidente de ACISA, David Martínez, cre que “é unha boa oportunidade patinar durante 50 minutos por tres euros facendo as compras en Ribadeo. Ribadeo ten de todo, pódese vir comer aquí, vir de compras e logo gozar desta pista, que é a máis importante de toda a provincia, eu creo que é unha delicia”.
David Martínez lembrou que “xa a partir de mañá, martes, pódense facer as compras nos establecementos asociados para entrar na pista de xeo á metade de prezo”. Por compras superiores a 20 euros farase entrega dun vale do 50% de desconto na entrada á pista de xeo. Os vales deberán ir selados na parte posterior polo establecemento que o entregue e os clientes deberán presentalos na taquilla grapados ao tícket de compra.
O presidente de Acisa dixo que “aqueles establecementos que non sexan asociados e queiran dispoñer destes vales de desconto para a pista de xeo, poden achegarse ao longo dos vindeiros días polas nosas oficinas e facerse socios de Acisa. Dese xeito poderán participar nesta interesante campaña para Ribadeo, o seu comercio e a súa hostalería”.
O Concello procede estes días a ultimar a contratación das 4 persoas que traballarán a xornada completa na pista de xeo ao longo deste Nadal.