O Teatro de Ningures representa "Unhas poucas picadelas" o domingo, 27 de novembro, no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo ás 20:30 horas. O prezo da entrada é de 3 euros.
Esta obra de Laila Ripoll afonda no terreo da violencia de xénero. Non hai unha historia concreta senón que convida a dar cabida a miles de historias reais e anónimas, todas as historias de violencia machista que acaban en asesinato e todas as que, sen morte física, acaban aniquilando vidas.
O detonante da peza é o recorte dun xornal que narra a nova do que foi un asesinato dunha muller por parte da súa parella. Isto deu lugar ao cadro homónimo de Frida Khalo no que se ve unha muller tendida sobre unha cama co corpo perforado polo cóitelo dun home que mira para ela. Destila o título a idea de que non foi para tanto, que non foron máis ca unhas poucas picadelas.
A partir dese elemento a autora propón unha reflexión directa e intelixente sobre o tema, metendo o dedo na chaga de moitos tópicos que, por desgraza, seguen a amparar este tipo de comportamentos violentos.
Baixo a dirección de Etelvino Vázquez Teatro de Ningures presenta a Sonia Rúa, Lois Soaxe e Pepa Barreiro.
Por outra banda, o documental titulado "A ultima viaxe do afiador" proxéctase o domingo, 27 de novembro, na escola da parroquia ribadense de Vilaselán. Será a partir das 16:30 horas con entrada de balde. Son sesenta minutos arredor dun xeito de vida nunha película documental de Aitor Rei que presenta Boneca Lareta.
Vida na que como contan “se camiñaban soñaban, se afiaban vivían e se paraban perecían”.
Coa proxección deste documental a Concellería de Cultura do Concello de Ribadeo segue coa súa programación cultural para as parroquias.