O XI Torneo Internacional Vila de RIbadeo de fútbol veterano reunirá a 42 equipos na localidade os días 14 e 15 de maio.

O XI Torneo Internacional Vila de RIbadeo de fútbol veterano reunirá a 42 equipos na localidade os días 14 e 15 de maio.
 
A décimo primeira edición do torneo internacional Vila de Ribadeo de fútbol veterano, que se celebrará este fin de semana, sábado e domingo, contará con 42 equipos. Entre os participantes hai clubs de Alxeria, Inglaterra, Bélxica, Portugal e de varias comunidades autónomas españolas. Foi presentado hoxe na Casa do Concello ribadense nun acto que contou coa presenza do alcalde, Fernando Suárez; do concelleiro de Deportes, David Rivas; do presidente de Acisa Ribadeo, David Martínez, e de tres directivos da Asociación Deportiva Veteranos Ribadeo FC:  Víctor Pérez Quintana, Juan Antonio Rodríguez Peceux e Antonio López Piñeirúa.
 
O edil de Deportes cualificou este evento como “un dos acontecementos deportivos da primavera ribadense, porque é impresionante a cantidade de xente que pode mover un torneo coma este, como se poden xuntar nunha fin de semana en Ribadeo arredor de mil persoas, que veñen de puntos tan dispares este ano como Alxeria, Gran Bretaña, Portugal ou Bélxica. Entón tamén é un escaparate moi importante para  a vila de Ribadeo. Poñer a Ribadeo no mapa por Europa e por África adiante pensamos que é moi positivo para o desenvolvemento local do noso concello. Nós, como non podería ser doutra maneira, no que estea na nosa man vamos poñer todos os medios para que o torneo se desenvolva con garantías e que sexa un éxito”.
 
O presidente de Acisa Ribadeo deu os parabéns aos organizadores, porque “é incrible que en once edicións consigan facer este evento, traer tanta xente a Ribadeo. Para Acisa é unha marabilla que veñan mil persoas estes días aquí a comer, comprar, coñecer e estar en Ribadeo. É un pracer estar colaborando con eles. Vexo que ven xente de toda España e de fóra, que, por un lado, poderán coñecer Ribadeo e gozar aquí estes días; e nós tamén coñecer o seu deporte e a súa afección”.
 
Os partidos disputaranse no estadio municipal Pepe Barrera, de Ribadeo, e nos campos do Outeiro, da parroquia ribadense da Devesa; As Valgas, de San Miguel de Reinante; O Cascabeiro, de San Cosme de Barreiros; El Soutón, de Vegadeo, e A Xungueira, de Tapia.