Ata o 23 de febreiro estará aberto o prazo de inscrición para participar nos cursos de monitor e director de actividades de tempo libre, que oferta a Concellaría de Mocidade.
O curso de monitor de actividades de tempo libre terá lugar os sábados e os domingos dos meses de marzo, abril e maio, na sala de xuntas do pavillón municipal, en horario de 9 a 14 horas e de 16 a 21 horas. Serán 200 horas de formación teórico-práctica e 150 de formación práctica. As prazas que se ofertan son 25, destinada a persoas maiores de idade, sendo necesario ter o título de EXB, ESO, FP ou equivalentes. O prezo por asistencia ao curso, que dará comezo o 5 de marzo, é de 170 euros.
O curso de director de actividades de tempo libre celebrarase tamén durante os meses de marzo, abril e maio na Casa da Xuventude. Será os sábados e os domingos en horario de 9 a 14 horas e de 16 a 21 horas. Serán 150 horas de formación teórico-práctica e 150 de formación práctica. As prazas que se ofertan son 25. Para poder matricularse neste curso requírese estar en posesión do título de monitor de actividades de tempo libre, posuír polo menos un título de ensino secundario e acreditar unha experiencia de traballo como monitor no campo da educación/animación no tempo libre de, alomenos, 250 horas ou como integrante do equipo de animación en colonias ou campamentos por un total de 30 días, despois da obtención do título de monitor. O prezo por asistencia será de 170 euros. Este curso dará comezo tamén o 5 de marzo.
O obxectivo, segundo explica a Concellaría de Mocidade, é “proporcionar aos participantes a titulación oficial de monitor/a e director/a de actividades de tempo libre expedida pola Xunta de Galicia e capacitalos para traballar en campamentos, ludotecas e empresas de tempo libre; e para a coordinación dun equipo de monitores e especialistas para a organización de actividades de animación socio-cultural e recreativas, xa sexan de tempo libre urbano ou de natureza”.
As persoas interesadas poden obter máis información na OMIX, sita na Casa da Xuventude ou chamando ao seguinte número de teléfono: 982 129 889.