A Biblioteca Municipal de Ribadeo acolle ata o 3 de febreiro unha exposición didáctica de aves do Centro de Extensión Universitaria e Difusión Ambiental de Galicia.

A Biblioteca Municipal de Ribadeo acolle ata o 3 de febreiro unha exposición didáctica de aves do Centro de Extensión Universitaria e Difusión Ambiental de Galicia.
 
A Biblioteca Municipal El Viejo Pancho acolle ata o vindeiro 3 de febreiro unha exposición didáctica de aves do Centro de Extensión Universitaria e Difusión Ambiental de Galicia.
Segundo o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, “esta exposición permitiranos coñecer o marabilloso mundo das aves. O noso país conta cunha ampla diversidade de hábitats e numerosas especies de aves, adaptadas ás características do entorno que ocupan, e que se achegan por estas terras nas súas migracións entre Europa e África. Moitas das poboacións de aves presentes en Galiza teñen unha gran importancia, tanto a nivel local como nacional e internacional, pois atopan nas nosas terras o límite da súa distribución xeográfica, ou no seu caso pola súa escaseza”.
O edil nacionalista sinala que “con esta exposición queremos que todas as persoas que a veñan ver coñezan máis polo miúdo aves de montaña, das fragas, dos ríos e das ribeiras, das chairas, das zonas húmidas do interior, aves da campiña atlántica ou da Galiza mediterránea, das rías ou dos cantís costeiros, aves da praia e do mar e tamén do medio urbano. Ademais, poderemos familiarizarnos un chisco co calendario das aves no noso país e introducirnos no mundo da ornitoloxía”.
Para Farruco Graña “é unha boa oportunidade para que os centros educativos da zona se acheguen ata a Biblioteca Municipal El Viejo Pancho e aproveiten para levar á práctica os seus coñecementos do medio natural. Tamén o é para aquelas persoas que se queiran iniciar no mundo da ornitoloxía e poidan así familiarizarse con ese inmenso tesouro que visita a na nosa ría e a súa contorna ano tras ano, facendo da nosa paisaxe un lugar privilexiado para os amantes da ornitoloxía”.
E engadiu que “todo isto será posible durante case tres semanas na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho de Ribadeo ata 3 de febreiro no horario habitual da Biblioteca (de 10:30 a 13:30 e de 17 a 20 horas). Unha boa oportunidade para gozar dun bo paseo polas rúas da vila ribadense, perderse pola vila vella e reencontrarse co marabilloso mundo das aves na nosa Biblioteca Municipal El Viejo Pancho”.