O Concello de Lourenzá organiza actividades infantís e inaugura unha ruta de sendeirismo para conmemorar o día do medio ambiente.

O Concello de Lourenzá organiza actividades infantís e inaugura unha ruta de sendeirismo para conmemorar o día do medio ambiente.
 
O Concello de Lourenzá organiza actividades infantís, este venres 5, e inaugura unha ruta de sendeirismo, o domingo 7, para conmemorar o Día do Medio Ambiente.
A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, anunciou hoxe que “o próximo venres, 5 de xuño, conmemórase o Día do Medio Ambiente e, como non podía ser doutro xeito, dende o actual equipo de goberno do Concello de Lourenzá decidimos celebralo cos máis cativos. Vamos facer uns obradoiros medioambientais, nos que os asistentes poderán facer diversos elementos, como casiñas ou comedeiros para paxaros. Tamén montarán entre todos unha árbore dos desexos, onde se transmitan valores medioambientais, despois de narrar unha historia con temática sobre o medio ambiente. Estas actividades estarán abertas a todo o público e, se o tempo o permite, faranse na praza do Conde Santo, e cada neno levará para a casa os elementos que faga durante o obradoiro. Os participantes teñen que traer unha botella de refresco grande valeira, aínda que alí haberá algunhas para que os nenos que non se acorden ou que pasen polo Cantón e lles apeteza participar poidan facer tamén o seu obxecto. En caso de que non se poida facer ao aire libre trasladarémolo a sala de exposicións do Concello”.
A rexedora municipal engadiu que “non soamente vamos celebrar o Día do Medio Ambiente cos nenos senón que aproveitaremos o vindeiro domingo, día 7, para inaugurar a ruta de sendeirismo que leva por nome Val de Lourenzá, actividade que nos servirá tamén para conmemorar este día sinalado no almanaque. É unha ruta de 19,8 quilómetros, ten unha dificultade media alta e sairemos ás 10 da mañá da praza do Conde Santo. A xente que queira poderá mercar un ticket de 2,5 euros para un picnic, no que irá incluído un bocadillo, un anaco de empanada, froita e auga. Este picnic servirase no campo da festa de San Adriano. Aquelas persoas que queiran recibilo terán que anotarse ata este venres, día 5, antes das dúas da tarde, chamando ao Concello, ao 982.12.10.06, e preguntando por Pepe. Haberá un coche escoba para traer de retorno a Lourenzá ás persoas que non poidan facer a ruta enteira; estará situado na Ponte do Xuncal, en San Xorxe, e tamén en San Adriano, no campo da festa. É unha ruta moi fermosa, que sae do Cantón para rematar no mesmo sitio e percorre os lugares máis bonitos do val de Lourenzá. Como se vai bordear todo o val as vistas serán distintas en función do punto no que nos atopemos. Animamos a toda a xente a que participe, tanto do noso concello como de fóra. É unha maneira de coñecer e promover o noso concello”.