Máis de 100 expositores e 300 firmas comerciais se darán cita en Burela do 14 ao 17 de maio na Feira Náutico Pesqueira Expomar. O evento presentouse nun acto en Santiago.

Máis de 100 expositores e 300 firmas comerciais se darán cita en Burela do 14 ao 17 de maio na Feira Náutico Pesqueira Expomar. O evento presentouse nun acto en Santiago.
 
En Santiago tivo lugar a presentación da XVI feira monográfica náutico pesqueira Expomar, que se celebrará do 14 ao 17 de maio na nave de redes. O alcalde e presidente da Fundación Expomar, José Mª González Barcia, subliñou que por primeira vez se superan os 100 expositores e as 300 firmas comerciais presentes no evento. Na súa comparecencia avogou por manter a actividade das empresas pesqueiras para manter o emprego e subliñou a importancia que ten o mar para Burela. 
O rexedor contou que “hoxe presentamos en Santiago de Compostela a décimo sexta edición da feira monográfica náutico pesqueira Expomar correspondente ao presente ano 2015. E fixémolo acompañados, unha vez máis, pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana Carballo. A feira este ano ten algunhas cuestións salientables con respecto á edición anterior, a do ano 2013: en primeiro lugar aumenta o número de expositores, pois vanse superar os 100 postos por primeira vez; aumenta tamén o número de firmas, xa que van ser máis de 300 as que estean presentes en Burela dende o día 14 ao 17 de maio, de xoves a domingo. A ocupación da nave de redes é practicamente absoluta xa a estas alturas, xa non cabe ningún expositor máis”.
González Barcia dixo “tamén temos que destaca a enorme transcendencia que ten Expomar para o sector pesqueiro. Burela vai ser do 14 ao 17 de maio a capital do sector náutico pesqueiro non soamente para Galicia senón para toda a cornixa cantábrica, porque nesta edición da feira vanse ver achegas tecnolóxicas significativas para o mundo da pesca. E nas xornadas técnicas e nos encontros profesionais vanse tratar asuntos de sumo interese”.
Sobre as novidades máis importantes da feira Expomar o alcalde subliñou que “hai que destacar dúas: por un lado, os avances en comunicación vía satélite de banda ancha; e, por outra, a presenza de drones, xa que o venres e o sábado vaise realizar unha demostración da aplicación dos drones para o sector náutico pesqueiro. Isto sen contar algunhas outras cuestións que sempre aparecen, fundamentalmente en canto a tecnoloxía e a seguridade nos barcos e dos tripulantes. Nas xornadas técnicas vaise falar da repercusión da política europea en materia de pesca. Son asuntos que loxicamente lle importan moitísimo ao sector porque a normativa comunitaria incide de forma directa, plena e absoluta na normativa pesqueira estatal e autonómica. Vaise falar tamén da seguridade no mar, coincidindo co 25 aniversario da creación do servizo de salvamento marítimo”.
Para González Barcia “Expomar é evidentemente un referente para Burela dende un dobre perspectiva: por un lado, a ninguén se lle escapa a repercusión que ten na economía local a presenza da feira e non soamente durante os propios días da feira senón tamén antes, durante a súa montaxe, e despois, cando xa se ten clausurado. Ademais disto nós vemos a feira como unha demostración de apoio do municipio de Burela ao sector pesqueiro, que é fundamental para a nosa vila. Burela boa parte do que é débello precisamente ao mundo do mar e quere seguir apostando no presente e no futuro polo mundo do mar. E por iso creo que os veciños de Burela temos que posicionarnos claramente apoiando ao sector pesqueiro, que nos momentos actuais, cando estamos a sufrir unha crise económica importante e os datos do paro seguen sendo dramáticos, non se pode permitir o luxo de que se peche ningunha empresa pesqueira polo feito de que non sexa rendible”. E engadiu: “as administracións públicas, e fundamentalmente a Unión Europea, teñen que potenciar dalgunha maneira que continúen existindo as empresas pesqueiras, para xerar riqueza, para manter polo menos os postos de traballo e sentar as bases para que o futuro da pesca estea garantido. E cando digo isto refírome a que ninguén mellor que o propio sector pesqueiro sabe como preservar os recursos para poder seguir precisamente mantendo a actividade económica da pesca e os postos de traballo. Xa non digo na situación actual que se poida xerar máis actividade empresarial no mundo da pesca, que sería do desexable, pero polo menos temos que manter a que hai para que se conserven os postos de traballo que agora mesmo teñen os barcos”.
González Barcia manifestou en Santiago que “como Concello e como veciños de Burela apoiamos á xente do mar porque sabemos o que nos deu, sabemos o que nos dá e somos plenamente conscientes de que nos ten que seguir dando, porque Burela sen mar non se entendería”.
O acto desta mañá contou coa presenza da conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; o secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro, así coma representantes da Fundación Expomar. Desde o Concello e a Fundación Expomar agradecen a colaboración da Xunta e das Consellerías do Medio Rural e do Mar e de Economía e Industria: “a administración autonómica sempre apoiou esta feira, sen a súa axuda isto non sería o que é na actualidade”.