Desde Mariña Patrimonio e Arrincadeira sinalan que "como é sabido o noroeste peninsular é unha zona rica en ouro. Xa antes da romanización os pobos indíxenas explotaban este codiciado metal e coa chegada do invasor romano produciuse un cambio rotundo ao converter a minería nunha auténtica actividade industrial, que provocou a transformación do territorio e cuxas pegadas chegaron até hoxe". E engaden que "Riotorto é un concello coñecido polos seus ferreiros e sábese que houbo minería de ferro até non hai moito tempo; tamén se ten documentación de explotacións mineiras moi antigas que, segundo os indicios, poderían remontarse a época romana. Para falar sobre as explotacións mineiras en época romana contaremos co arqueólogo Santiago Ferrer o próximo sábado, 11 de abril, ás 19:00 horas no Salón de Actos da Casa de Cultura de Riotorto. Unha actividade á que as asociacións organizadoras convidan a todas as persoas que queiran achegarse".
Breve perfil profesional
D. SANTIAGO FERRER SIERRA, Diplomado en Formación do Profesorado de Educación Xeneral Básica: especialidade Ciencias Humanas e Licenciado en Xeografía e Historia, especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende que rematou os estudios académicos dedicouse profesionalmente o mundo da Arqueoloxía participando en numerosas escavacións arqueolóxicas por todo o ámbito de Galicia, en especial é o Director do Centro Arqueolóxico de Aquis Querquennis en Bande onde está a investigar un dos campamentos militares romanos máis importantes da Península Ibérica.
Participou en varios proxectos de investigación na Universidade de Santiago de Compostela, no Centro de Investigacións Científicas do CESIC e foi Bolseiro do Consello da Cultura Galega.
Ten publicados numerosos artigos en revistas especializadas relacionados co mundo da arqueoloxía así como varias monografías sobre diversa temática entre os que podemos destacar: MILIARIOS E OUTRAS INSCRIPCIÓNS VIARIAS ROMANAS DO NOROESTE HISPÁNICO,(coautor) publicado polo Consello da Cultura Galega, A VÍA NOVA NA SERRA DO XURÉS. A REHABILITACIÓN DA VÍA NOVA ENTRE PORTELA DO HOME E BAÑOS DE RIO CALDO (LOBIOS, OURENSE) (coautor) publicado pola Xunta de Galicia, ESCAVACIONES ARQUEOLÓGICAS EN AQUIS QUERQUENNIS. ACTUACIONES EN EL CAMPAMENTO ROMANO (1975-2005), (editor) publicado en Anexos Larouco, nº 4, PRIORATO DE XAGOAZA. EL REFERENTE HISTÓRICO DE UNA PRÓSPERA COMARCA GALLEGA (VALDEORRAS, OURENSE), (coautor) publicado pola Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova ou A PONTE VELLA DE LUGO. ARQUEOLOXÍA E ENXEÑERÍA HISTÓRICA,(coautor) publicado polo Concello de Lugo. A nivel profesional dedícase a actividade arqueolóxica sendo administrador e arqueólogo da sociedade PROSPECCIÓNS ARQUEOLÓXICAS S.L.U. empresa na que desenrola a maioría da súa actividade. Dende que rematou os estudios académicos ten realizado e asumido a dirección de numerosos proxectos de prospeccións e escavacións arqueolóxicas, primeiramente nas intervencións de urxencia na cidade romana de Lucus Augusti e no campamento romano de Aquis Querquennis, centrándose ultimamente, en proxectos localizados na provincia de Ourense, cunha experiencia que foi acumulando ó longo de case trinta anos.