Este mércores segue en Viveiro o ciclo de cine #Palestina, organizado por Pensamento e Sementeira. Será con dúas proxeccións no IES María Sarmiento.

Este mércores segue en Viveiro o ciclo de cine #Palestina, organizado por Pensamento e Sementeira. Será con dúas proxeccións no IES María Sarmiento.
 
O documental “Esta é a miña terra, Hebrón” (“This is my land Hebron”,  Italia, 2010) de Giulia Amati e Stephen Natanson e a curta “Gaza-Londres” de Dima Hamdam, (Reino Unido, 2009) serán as películas que se proxectarán en Viveiro na segunda sesión do ciclo #PALESTINA o vindeiro mércores, 11 de febreiro. Esta mostra de cine, organizada polo Colectivo Pensamento e Sementeira, de Viveiro, e patrocinado pola Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, vén desenvolvéndose  no salón de actos do IES María Sarmiento de Viveiro, ás 20 horas, sendo a entrada libre até completar o aforo.  
 
Segundo explican desde Pensamento e Sementeira “o documental de  Giulia Amati e Stephen Natanson presenta a Hebrón, unha cidade de conflito e odio, un dos asentamentos israelís en Cisxordania, o único corazón dunha cidade palestina. O centro da cidade é agora o teatro dunha guerra entre veciños onde os principais obxectivos son conquistar un metro máis de cidade, manter a raia ao inimigo ou simplemente ficar no seu terreo”.
 
Desde o colectivo organizador engaden que “na curtametraxe  de Dima Hamdam, directora  naturalizada xordana aínda que orixinaria dunha familia palestina que foi expulsada de Gaza en 1948, coincidindo coa fundación do Estado de Israel,  o protagonista Mahmoud está en Londres e a súa nai en Gaza, coincidindo co ataque masivo de 2008 levado  a cabo na Franxa. Desta terceira produción da súa autoría a directora ten Dito que explica a destrución e a morte que conlevan os conflitos máis alá das noticias e das cifras”.