Ribadeo celebrará este sábado, 7 de febreiro, o día mundial dos humidais cun programa de actos que inclúe unha conferencia e unha ruta pola ría.

Ribadeo celebrará este sábado, 7 de febreiro, o día mundial dos humidais cun programa de actos que inclúe unha conferencia e unha ruta pola ría.
 
O Concello de Ribadeo celebrará este sábado, 7 de febreiro, o Día Mundial dos Humidais, cunha programación centrada en resaltar e protexer a natureza e o hábitat ornitolóxico da ría de Ribadeo. Os actos inclúen a celebración dunha conferencia a cargo de José Mª Fernández Díaz – Formentí, autor do libro A Ría de Ribadeo: natureza entre dúas augas. A charla terá lugar ás 12:00 horas na Casa da Xuventude de Ribadeo. Posteriormente, ás 15:30 horas, levarase a cabo unha ruta guiada pola ría que contará coas explicacións de dous bloguers especializados na ría de Ribadeo: Enrique Sampedro e Óscar Chao. Os interesados en participar nesta ruta deberán anotarse previamente nos teléfonos 982 128 689 (Oficina de Turismo de Ribadeo) ou 982 128 650 (Área de Desenvolvemento Local).
Tal e coma explicou a concelleira de Turismo e Desenvolvemento Local de Ribadeo, Ana Martínez, “para celebrar o Día Mundial dos Humidais, e coma cada ano, dende o Concello de Ribadeo queremos resaltar a importancia ecolóxica e ambiental da ría de Ribadeo que é un dos hotspots ornitolóxicos do noso concello, sensibilizando no mantemento e conservación da mesma”. A edil nacionalista considera que “é algo verdadeiramente importante, xa que a ría está incluída na Rede Natura 2000, e con anterioridade xa fora declarada Zona Húmida de Importancia Internacional e estivo incluída tamén no convenio Ramsar, que é un acordo transnacional que protexe os hábitats de aves acuáticas. Tamén polos seus valores e diversidade biolóxica, forma parte da Reserva da Biosfera dende 2007. Así que dentro de todo este contexto, queremos celebrar o Día Mundial dos Humidais. Aínda que ese día non é exactamente este sábado, queremos facelo coincidir coa fin de semana para que isto lle permita a máis xente poder gozar das actividades programadas, que nesta edición terán lugar este sábado, 7 de febreiro”.
A concelleira de Turismo adiantou que “as actividades comezarán o sábado ás 12 da mañá na Casa da Xuventude cunha charla a cargo de José Mª Fernández Díaz-Formentí, autor do libro A Ría de Ribadeo: natureza entre dúas augas. A conferencia terá o título de Las aves en la naturaleza cantábrica. Logo, ás 15:30 horas teremos unha saída, que será coma todos os anos dende a Oficina de Turismo ata a ría, para observar a través dunha ruta as aves. Neste caso será unha ruta guiada, tamén coma noutros anos, por Quique Sampedro, que é autor do blog Ría de Ribadeo e por Óscar Chao, que ten o blog Aves e Natureza de Ribadeo. Durante a visita daranse as claves para identificar e diferenciar as aves que poidamos ir atopando no estuario e que durante esta época son numerosas xa que acoden á ría a pasar o inverno. É importante facer reserva na Oficina de Turismo, no teléfono 982 128 689, así coma levar prismáticos ou calquera outro método de observación e cámaras fotográficas para esta actividade”. 
Ana Martínez recordou que “esta non é unha actividade puntual, senón que queremos resaltar a forte aposta que dende o Concello estamos a levar a cabo polo turismo de natureza, coma un valor diferenciador e desestacionalizador, aproveitando todo o potencial que Ribadeo ten neste eido. Para isto tamén quero falar do traballo que se leva feito no turismo de natureza, co curso que estamos a facer de formación de guías e intérpretes do litoral, así coma as actividades que fixemos no EcoNadal. Tamén quero invitar á xente a visitar o sitio Ribadeo Birding, que está incluído nesa nova páxina web que vimos de presentar e que a xente pode atopar no enderezo turismo.ribadeo.gal, onde tamén vai atopar unha serie de menús birding e actividades relacionadas coa natureza. Unha serie de pequenos grandes proxectos que fan cada día máis patente a nosa aposta polo turismo natural dentro dese #Ribadeoxqsí”.