A comisión organizadora do Entroido 2015 en Ribadeo anima á hostalería a participar activamente nesta cita o 16 de febreiro servindo cocido nos seus locais

A comisión organizadora do Entroido 2015 en Ribadeo anima á hostalería a participar activamente nesta cita o 16 de febreiro servindo cocido nos seus locais
 
A comisión organizadora do Entroido 2015 en Ribadeo potenciará esta festa a través das redes sociais e anima á hostalería e ao comercio a participar activamente nesta cita, porque son varios os premios que estarán en xogo. 
Desde a comisión organizadora sinalan que “o que queremos é que hostaleiros se impliquen no Entroido servindo cocido nos seus locais o luns, 16 de febreiro, porque ese día imos facer un concurso nas redes sociais. Deste xeito pretendemos que eses establecementos e os seus clientes suban as súas fotos a un perfil de facebook, que imos crear, para visualizar da maior e mellor forma posible o noso Entroido. Queremos darlle máis dinamismo e modernidade e animar á xente a que saia disfrazada á rúa e a que viva o Entroido ribadense. Animamos tamén aos hostaleiros de Ribadeo a que decoren os seus establecementos e a que se disfracen para así facer aínda máis atractiva e divertida esta cita coa tradición”. 
Aqueles grupos que envíen as súas fotos á comisión organizadora do Entroido “comendo ou ceando cocido o 16 de febreiro nos locais hostaleiros de Ribadeo. Aquela imaxe, aquel grupo, que reúna máis “me gusta” converterase en Os máis larpeiros. Tamén haberá premios: aos mellores disfraces (individual, parella e grupo), que nos pasen as súas fotos e que obteñan máis apoios en facebook; ao mellor local e ao camareiro/a mellor disfrazado/a”.
Desde a comisión do Entroido 2015 de Ribadeo subliñan que “o que queremos é que ninguén quede na casa o luns de Entroido, queremos que a xente se reúna coas súas amizades e saia saborear os cocidos que se servirán nos mesóns e restaurantes e que gocen desa cita, tanto os hostaleiros coma os seus clientes e que despois, entre todos, reflictamos ese colorido nas redes sociais”. E engaden: “estamos a pechar esta campaña de promoción do Entroido, que daremos a coñecer dentro duns días”.