O salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá albergará o vindeiro martes unha charla sobre reciclaxe e protección do medio ambiente.

O salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá albergará o vindeiro martes unha charla  sobre reciclaxe e protección do medio ambiente.

 

O Concello de Lourenzá organiza para o vindeiro martes, 16 de decembro, unha charla sobre reciclaxe e protección do medio ambiente baixo o título Separemos ben, reciclaremos mellor. Non rompas o esforzo de todos. A actividade levarase a cabo ás 20:00 horas no salón de actos da Casa do Concello e contará coa presenza de técnicos de SOGAMA. Con esta iniciativa o Concello espera concienciar aos veciños sobre como reciclar correctamente cada produto de cara ao aumento de consumo que traen consigo as compras de Nadal.

A alcaldesa laurentina, Emma Álvarez Chao, explicou que "a charla do mes de decembro será o vindeiro martes 16 ás 8 da tarde no salón de actos da Casa do Concello. A charla deste mes consideramos oportuno facela sobre a reciclaxe, posto que é un mes no que se incrementa bastante o consumo e se xera, por tanto, máis lixo. A actividade levará por título Separemos ben, reciclaremos mellor. Non rompas o esforzo de todos e está impartida por persoal do SOGAMA. A finalidade é incidir directamente nos nosos veciños para que se comprenda a importancia de mellorar a clasificación dos residuos que se xeran en todas as casas. Así, desta forma, o que buscamos é un obxectivo clave, que é dalgunha maneira reducir os impropios que temos nos colectores amarelos de envases lixeiros e saber que non todo ten porque ir ao colector verde, senón que hai formas de reciclar, conseguindo desta maneira beneficios ambientais e tamén, por suposto, económicos para o Concello".

A responsable municipal aclarou que "dende o Concello pareceunos oportuno facer esta charla nesta época debido a que se incrementa o lixo producido nas vivendas e, sobre todo, tendo en conta que posiblemente nestas datas se consumen máis botellas de cristal que noutras datas do ano. Por ese motivo é moi importante que esas botellas vaian a parar ao colector de reciclado de vidro e por iso queremos que a xente teña fresca esta charla de cara ás próximas datas de Nadal. Durante o acto repartiremos unhas corenta bolsas de rafia entre tódolos asistentes, de xeito gratuíto ata acabar coas existencias. Estas bolsas levan como obxectivo facilitar a reciclaxe tanto de vidro como de papel ou envases lixeiros. Consideramos que se trata dunha charla moi importante e gustaríanos que acudise o maior número de veciños posible co fin de concienciarnos un pouquiño mellor en reciclar e axudar a manter o noso medio ambiente."