O Concello de Burela presentou hoxe unha nova actividade dirixida a mulleres, que se levará a cabo entre o 1 e o 10 de decembro. Trátase dunhas Xornadas Formativas para mellorar, mediante o uso das novas tecnoloxías, as capacidades de emprendemento e busca de emprego feminino. Están promovidas pola Secretaría Xeral de Igualdade, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, e levaranse a cabo os días 1, 3, 5, 9 e 10 de decembro, en horario de 16:00 a 20:00 horas, nas instalacións da Aula CEMIT na Casa da Xuventude. As interesadas poden facer as súas inscricións no Centro municipal de Información ás Mulleres.
Dende a Concellería de Igualdade recordan que “esta actividade formativa non só está dirixida ás veciñas do municipio, senón tamén a todas aquelas mulleres que proceden dos concellos conveniados con Burela en materia de igualdade e prevención de violencia, coma son Alfoz, Cervo e O Valadouro”. Ademais destacan que “as xornadas se encadran dentro da Rede-Emprende en Igualdade, un programa de asesoramento, formación e apoio ás mulleres potencialmente emprendedoras para axudalas na posta en marcha e modernización das súas empresas e na busca de emprego, cara a fomentar a súa adaptación no mercado actual.
Esta Rede-Emprende, dependente da Xunta de Galicia, a través de Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, organiza cursos de formación e asesoramento en temas coma a iniciación a Internet e ás redes sociais, as novas tecnoloxías e o emprendemento, as redes e transposición de experiencias ou a perspectiva de xénero. A duración proposta para estes cursos será de 20 horas, cun máximo de 25 alumnas inscritas en cada edición.