O CCH de Viveiro sorteará 300 euros na campaña do día do pai. A asociación instalará un estudio fotográfico o 20 e o 21 de marzo para agasallar con instantáneas de pais e fill@s

A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro pon en marcha a partir deste venres, 14 de marzo, a campaña do dia do pai co sorteo de 300€ e regalando instantáneas de pais e fill@s. 

Desde o CCH explican que “nesta ocasión apostamos por seguir premiando a fidelidade dos nosos clientes con algo especial para celebrar nesta data, e para conmemorar o día do pai organizamos a campaña Unha foto con Papá”. 

E seguen a relatar: “o xoves 20 de marzo e o venres 21 instalaremos un estudio fotográfico na Sala de Exposicións da Biblioteca municipal. Alí realizaremos unha sesión de fotos a tódolos pais que se acheguen cos seus fillos/as ou incluso a tres xeracións xuntas: avós, fillos e netos. Os días posteriores poderán seleccionar e encargar a foto que mais lles guste e levala totalmente gratis. O único requisito para poder participar é entregar vales de compra de mínimo 20€ de calquera dos negocios asociados ó CCHV”.

O horario do estudio fotográfico será o xoves 20 de marzo de 17 a 20 horas e o venres 21 de marzo de 11:30 a 13:30 e de 17 a 20 horas. 

Desde o CCH indican que “o obxectivo é atopar a mellor imaxe que capte a esencia do día do pai, polo que todas as fotos serán valoradas por un xurado e a que obteña a mellor valoración será a gañadora de 300€ en vales de compra para gastar en calquera dos negocios asociados ó CCHV. Buscamos a imaxe dos papás de antano e de hoxe, dende as máis tradicionais ás mais modernas e actuais. Distintas xeracións de pais cos seus fillos que amosen á cámara a complicidade de pais e fillos. Unha actividade para realizar en compañía dos nosos pais, fillos, avós, netos/as, …e quedarnos cun bonito recordo do día do pai”. 

E engaden: “con esta iniciativa intentamos dinamizar esta data comercial importante para o comercio local, poñendo en marcha sorteos e premios para agradecer a fidelidade dos clientes, e acadar que Viveiro continúe a ser, unha vez máis, referente de compras en toda a comarca, sempre contando ca colaboración da Xunta de Galicia dentro dos programas de dinamización de centros comerciais abertos. Os obxectivos perseguidos con tódalas campañas que pon en marcha a asociación, son por unha parte a de premiar a fidelidade dos clientes que apostan por mercar no comercio local, e por outra parte fomentar a unión de tódolos comerciantes da zoa para traballar en conxunto e dinamizar o comercio de Viveiro”. 

As bases da campaña e toda a información pódese consultar na web www.viveirocentro.com, na APP ViveiroCCH e no perfil de Facebook, X e Instagram.