A artesanía será a protagonista de A Mariña en Ruta a vindeira fin de semana en Ribadeo e en Mondoñedo. Tamén está programada a Xeoruta do Perdouro, en Burela.
O sábado, día 25, terá lugar un obradoiro de coiro con Raíces Nómadas, en Ribadeo, que acaba de ser nomeado como finalista aos Premios Artesanía de Galicia, coa súa peza Nasa, un bolso de man que reinterpreta a tradicional nasa galega, nunha homenaxe á cultura marítima de Galicia. Os asistentes, coas indicacións de Ezequiel Franchi, terán a oportunidade de elaborar un porta botellas de coiro para levar colgado da ombreira ou enganchado nun bolso, mochila ou pantalón.
Para o domingo está prevista unha visita a Mondoñedo e ao seu legado. Os asistentes poderán achegarse ao traballo dos artesáns do barrio de Os Muíños, ademais de gozar da historia da Cidade Episcopal. Ana Pena, de Guía tu Día, será a encargada de conducir esta visita. E tamén o domingo, día 26, da man do xeólogo Fran Canosa, desenvolverase en Burela a Xeoruta do Perdouro.
Esta pasada fin de semana Ourol e Viveiro foron as localidades que acolleron as actividades de A Mariña en Ruta. Na Cidade do Landro os participantes puideron coñecer o traballo de Alfonso Otero Regal e facer a súa propia peza de cerámica. En en Ourol gozaron do seu pasado indiano e natural.
A Mariña en Ruta é un proxecto que está promovido pola Mancomunidade de Concellos coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. De outubro a novembro foron programadas 16 actividades, unha por cada concello que conforma o xeodestino e onde a artesanía da comarca ten un papel destacado.
As actividades de A Mariña en Ruta teñen unha duración de 2 a 4 horas e poden participar un máximo de 25 persoas mais o guía en cada un. O prezo xeral é de 5 euros para individual; 8 euros para parella; e 12 euros para familias ou grupos de ata 5 membros. A información sobre a rutas e as reservas de prazas realizarase de forma automática a través da web de Turismo de A Mariña Lucense https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta